Frontón, á espera dunha saída ao conflito do monte comunal

LEMOS

13 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O próximo capítulo do conflito orixinado por un proxecto gandeiro no monte comunal de Frontón, no municipio de Pantón, aínda non ten fixada unha data. O presidente da comunidade de montes, Gerardo González, non sabe aínda cando se poderá celebrar unha nova asemblea de comuneiros despois da interrupción que padeceu a reunión convocada a última hora do pasado sábado, na que se rexistrou un enfrontamento verbal entre os defensores e os detractores da cesión duns terreos comunais á empresa SAT Frontón, que xa comezou a acondicionalos para crear unha explotación de cría de vacas.

«A asemblea quedou interrompida, cometeuse unha infracción e agora supoño que teña que decidir o xulgado de montes os próximos paso que haberá que dar», comenta González. «Haberá que convocar outra reunión para tratar os asuntos que non se puideron discutir, pero non sei aínda cando poderá celebrarse. Tampouco sabemos moito sobre o que hai que facer nunca caso como este, porque antes non nos pasara nada parecido», engade. Na asemblea estaba previsto someter a votación a continuidade da actual xunta rectora, que contratou a cesión dos terreos a SAT Frontón, pero a reunión non puido desenvolverse con normalidade e requiriu a mediación de axentes de Garda Civil. Unha das veciñas opostas á cesión dos terreos, integrante dun grupo de comuneiros que denunciaron o feito ás consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, afirma que intervención das forzas de orde pública non era necesaria. «A Garda Civil foi porque a chamaron os membros da xunta rectora, pero non tiñan por que facelo. Houbo discusión, pero non montamos un alboroto como para chamar á policía», asegura. «O que fixemos foi expoñer que non queremos ter o monte hipotecado por vinte ou trinta anos nin queremos tantas vacas cerca das casas», agrega esta veciña.