Homenaxe universitaria ao tren

LEMOS

Expertos en transporte ferroviario impartirán en Monforte un curso da Universidad Menéndez Pelayo coincidindo co 125 aniversario da chegada do tren á cidade

27 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) sumarase ás celebracións do 125 aniversario da chegada do tren a Monforte dedicando un curso de verán a analizar as dimensións sociais, económicas e técnicas do transporte ferroviario e en particular do ferrocarril galego. Con esta iniciativa, os dous cursos de verán que viña promovendo a UIMP en Monforte pasan a ser tres este ano. Todos eles serán dirixidos, como os anteriores, pola arquitecta Isabel Aguirre.

O curso sobre o ferrocarril impartirase no Parador de San Vicente entre o 2 e o 4 de setembro e contará no seu acto de apertura coa presenza da conselleira de Política Territorial. Na primeira xornada abordarase o papel do tren na vertebración territorial de Galicia, a relación entre o ferrocarril e o medio ambiente e os novos operadores ferroviarios, asuntos que serán tratados, respectivamente, polo enxeñeiro Carlos Nárdiz, o director de Medio Ambiente de Adif, Pedro Pérez del Campo, e Ignacio Sanz, directivo da empresa Continental Rail.

Na segunda xornada falarán o enxeñeiro Miguel Rodríguez Bugarín e dous directivos de Adif, Joaquín Jiménez Otero e Julio Bermejo. Os temas das súas conferencias serán os beneficios sociais do ferrocarril, as comunicacións ferroviarias con Europa e a evolución do transporte de mercadorías. Para o último día está prevista unha conferencia sobre a historia das estacións ferroviarias a cargo de Inmaculada Aguilar, responsable do futuro museo do transporte da Comunidade Valenciá, e unha mesa redonda sobre o transporte itermodal na que intervirán Carlos Mantilla, director de tráfico intermodal de Renfe, e Jesús Paz, director do Porto de Vigo.

Ecoloxía e economía

O segundo curso da UIMP celebrarase entre o 15 e o 17 de setembro e estará centrado no desenvolvemento sostible como recurso económico, seguindo unha liña similar á dos cursos de anos anteriores. As conferencias serán impartidas por Pedro Linares, enxeñeiro e profesor da Universidad de Comillas; José Álvarez, director de Sogama; Salvador Rueda, director da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona; Alberto Fraguas, director en España da ONG Green Cross; Alfonso Dubois, profesor da Universidade do País Vasco; Jordi Sartagal, director da fundación catalá Territori i Paisatge, e Jesús Ángel Dopico, profesor da Universidade de Coruña. A xestión dos residuos, os modelos enerxéticos e a conservación dos territorios figuran entre os asuntos previstos.