Arte sacra en expansión

LEMOS

A ampliación do museo monfortino de Santa Clara pode ser autorizada aproximadamente dentro dun mes

25 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O inicio das obras de ampliación do Museo de Arte Sacra do convento de Santa Clara de Monforte só depende actualmente de que a Dirección Xeral de Patrimonio outorgue a autorización definitiva, o que pode estar resolto no prazo aproximado dun mes. Unha vez cumprido este trámite, os traballos poderían comezar de forma case inmediata. Tal é a previsión que manexa o arquitecto responsable do proxecto, Francisco Cela, que acaba de incorporarlle algunhas correccións técnicas suxeridas por Patrimonio.

Segundo explica Cela, os técnicos da Xunta non detectaron no proxecto de reforma ningún inconveniente difícil de solventar. «Non houbo problema ningún e só foi preciso modificar certos detalles da carpintería, así que espero que a aprobación chegará tan pronto como se resolvan os trámites administrativos habituais para as obras que se fan en edificios históricos», comenta.

O feito de que Patrimonio non puxese reparos ao proxecto é importante para que as obras non padezan retrasos. Dado que o museo está ubicado nunha construción do século XVII e que a reforma mudará sustancialmente o espazo expositivo -case duplicando a súa superficie-, é preciso un especial coidado na planificación para axustarse ás estritas normas que regulan este tipo de intervencións.

Momento adecuado

A non ser que a última hora apareza algún obstáculo imprevisto, a reforma do museo comezará a executarse dentro do prazo que barallaban inicialmente Francisco Cela e a historiadora Manuel Sáez, encargados da dirección deste proxecto que a Fundación Barrié de la Maza financia con 140.000 euros. «Esperamos que os traballos poidan empezar a finais da primavera ou principios do verán, que é unha boa época para iniciar unhas obras e máis aínda neste caso, porque de comezar en inverno causaríamos máis molestias á comunidade clarisa», sinala o arquitecto. «Non hai que esquecer que o museo está nun convento habitado e debemos procurar causarlle os mínimos trastornos á xente que vive no edificio», engade. O proxecto, como xa se adiantou no seu momento, ten un prazo de execución de dezaoito meses.

Cela indica ademais que a axuda económica de 38.000 euros concedida o pasado mes pola Deputación axudará a que as obras se desenvolvan con máis axilidade. Esta subvención ten por finalidade o acondicionamento dalgunhas estancias do convento, actualmente en mal estado, para albergar os materiais que hoxe se gardan nas salas que será utilizadas para ampliar o museo. Estas salas son actualmente usadas como almacén polas monxas clarisas