Oito grupos participarán dende o domingo en Lugo no Festival Internacional de Teatro Universitario, que abrirá a compañía do campus lucense
26 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O vindeiro domingo dará comezo na capital lucense a edición número 14 do Festival Internacional de Teatro Universitario. Serán oito as representacións que terán lugar ata o 7 de abril, todas elas no auditorio Gustavo Freire, a excepción dunha que será no Círculo das Artes.
A obra O público , de Federico García Lorca, que poñerá en escena a compañía teatral do campus de Lugo, será a encargada de abrir as representacións, que se pecharán coa peza As raíñas , de Werner Schwab, que escenificará o grupo de teatro do campus compostelán. Entre unha e outra pasarán polo escenario compañías universitarias de Valencia, Ourense, Estados Unidos, Brasil, Huelva e Sevilla.
Este festival desenvolverase ao abeiro do convenio Lugo Cultural. Foron precisamente os representantes das cinco entidades que conforman este convenio os encargados de presentar onte o certame. José Rábade, voceiro do Concello de Lugo; Antonio Veiga, delegado de Cultura da Deputación; Xoán Xosé Molina, delegado provincial da Consellería de Cultura; Sinesio Pérez, xerente da Fundación Caixa Galicia, e Elías Torres, vicerreitor de Cultura da USC, quen salientou que Lugo Cultural segue a ser un espazo de oportunidades para as persoas e os grupos e tamén para o propio público. Destacou igualmente a extraordinaria calidade do teatro universitario. Pola súa banda, a responsable da Área de Cultura do campus de Lugo, Paloma Lugilde, fixo fincapé no carácter social e crítico das oito obras que van ser representadas.