A orixe do campo de aviación

Xaime López Arias

LEMOS

O monte Cha de Santa Marta, nos concellos de Sarria e Láncara, foi elexido en 1932 para construir un aeródromo militar. Ocupaba 330.000 metros cadrados

23 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Sarria tivo campo de aviación e puxo nel moitas ilusións e significativas aportacións económicas. En novembro de 1932 o ConcellO pagou 20 pesetas pola custodia de avións militares que aterraran en distintas ocasións no campo Cha de Santa Marta, durante aquel exercicio; 340 pesetas pagadas a obreiros de Sarria e Láncara, ocupados na recollida de seixos na superficie do campo, arranxando o chan e enchendo pozas para acondicionamento provisorio co obxecto da aterraxe de avións militares; e outras 389,05 por man de obra e materiais, e mesmo polo carreto destes, para sinalar con ángulos de cemento e liñas de cal a porción de terreo elixida para aterraxe de avións militares.

O 12 de novembro tomouse coñecemento de que pola representación do Estado, se verificara a determinación e demarcación da zona ou parcela de terreo do momento Cha de Santa marta, que a dita representación xulgara necesaria para o aeródromo ou campo de aviación militar que se proxectaba establecer no dito monte, en citas das ofertas de cesión gratuíta ao Estado para ese fin feitas conxuntamente con anterioridade polos concellos de Sarria e Láncara, únicos partícipes no monte. A mesura total do terreo era de 580.000 metros cadrados.

E a corporación, por unanimidade, acordara: ratificar as ofertas anteriormente feitas pola mesma, aceptar a determinación e demarcación expresadas, prestándolles a súa conformidade e que se fixesen cesión ao Estado, Ramo de Guerra, da sona referida na parte pertencente a Sarria.

O tenente de alcalde, Antonio Sánchez Arias, pediu que constase en acta a descrición da superficie cedida polo Concello de Sarria, que se reflectiu así na acta: «Un terreo no monte Cha de Santa Marta, orientada de Lesta e a oeste (...); que fan a superficie de 330.000 metros cadrados, superficie posuída polo Concello dente tempo inmemorial, destinada a monte de aproveitamento comunal (...)».

En realidade, era un monte en man común, propio de parroquias das antigas xurisdicións dos concellos de Samos a Sarria. E así foi como se oficializou o Aeródromo da Cha de Santa Marta como espazo de uso militar.