«Traballamos coa seguridade de quedar por diante do PP»

LEMOS

O seu nome figura no segundo posto da lista dos socialistas lucenses ao Congreso. Margarita Pérez Herraiz (Lugo, 1955), experimentada deputada autonómica, compite nestas eleccións municipais por un escano en Madrid.

-¿Preparada para o salto á capital?

-Non sei se é correcta a expresión salto, pero si un cambio que supón para min un aliciente.

-¿Cre que está asegurado o segundo deputado do PSOE, é dicir, o seu escano?

-Si, si

-¿En que se basea?

-Non vou falar de cantos votos contamos ter nós e cantos votos van ter os outros, pero estamos seguros. Traballamos coa seguridade de quedar por diante do PP.

-¿En que campo preferiría traballar no Congreso?

-Agora no Parlamento de Galicia era voceira en asuntos de Traballo. Na anterior lexislatura era voceira de servizos sociais. E, como son moi disciplinada, en Madrid asumirei as funcións que me correspondan. Non sei en que temas traballarei, pero probablemente no ámbito de cooperación ao desenvolvemento.

-¿Quen gañou o debate?

-Zapatero

-¿Por que?

-Hai que dicir que isto de quen gaña ou non gaña os debates é unha dialéctica perversa. Non hai árbitros, nin puntos. Pero a min gustoume máis Zapatero, porque me parece que falou das cousas que interesan a xente. Rajoy eludiu totalmente a política social. Segue a criminalizar globalmente aos inmigrantes, cuestión que me parece moi grave.

-¿Como ve a campaña?

-Estivo tan tensa a lexislatura que non parece que a campaña estea crispada. A verdade é que sigo pouco a campaña dos outros partidos. Penso que non teñen a velocidade de campaña que temos nós; empezamos antes e temos unha campaña máis intensa.

-Os pactos en distintos niveis institucionais co BNG e a falta de acordo no Concello de Lugo, ¿que suporán nestas eleccións?

-Penso que o feito de ter responsabilidades de goberno na Xunta, en concellos e na Deputación repercutirá favorablemente nos resultados do PSOE. Estar mellor situados institucionalmente é positivo.

-E as frecuentes diferenzas entre PSOE e BNG...

-Non teñen tanta importancia. Temos diferenzas porque somos dúas forzas con diferenzas claras, pero temos un compromiso de goberno común, que cumprimos. É compatible que haxa obxectivos de goberno únicos, que se cumpren, e que sexamos dúas forzas con visións distintas. E no Concello de Lugo, o feito de que goberne o PSOE ten que ser positivo, e tamén que o alcalde sexa o que ten máis apoio das grandes cidades.