Numerosos veciños de Monforte, Taboada e Brollón despediron as festas no tradicional Enterro da Sardiña
07 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Como xa sucedera nos desfiles do Martes de Entroido, o bon tempo favoreceu as despedidas do período carnavalesco que se celebraron onte en diversas localidades do sur lucense, como Monforte, Taboada e A Pobra do Brollón. Numerosos veciños destas poboacións tomaron parte no Enterro da Sardiña, unha tradición que segue tendo un notable arraigo na zona. Onde non houbo enterro este ano foi en Chantada, xa que o escaso grupo de persoas que organizaban habitualmente este festexo non chegaron a animarse nesta ocasión.
En Monforte, o cortexo fúnebre saíu puntualmente da praza de España acompañado por moitos veciños de todas as idades. O desfile percorreu a rúa do Cardeal e a avenida de Galicia -precedido neste tramo por un coche da Policía Local- ata desembocar na praza de San Antonio, seguindo o itinerario habitual dos últimos anos. Non foron poucos aos que bailaron aos sons da banda que acompañou a procesión, que alternou marchas fúnebres e diversas pezas festivas, principalmente brasileiras, entre aparatosos lamentos pola fin das festas.
Ás portas da casa consistorial estaban esperando o cortexo o alcalde Severino Rodríguez e os concelleiros Xosé Manuel Pavón, Alicia Cadarso e Maribel Sánchez, ataviados de loito para a solemne ocasión. O festexo terminou neste lugar co recitado das coplas satíricas -nun ton crítico que parecía bastante suave, comparado co que se exhibira noutras ocasións- que foron respondidas polo público co clásico estribillo local: «Esta é unha mala administración á que lle temos que dar solución».