Día de traballo para os bonecos

LEMOS

Menos numerosos que outros anos, os típicos compadres animaron a xornada en diversos puntos da comarca de Lemos

25 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os tradicionais compadres abriron onte as celebracións do Entroido en numerosos puntos da comarca de Lemos, exhibindo e humor que os caracteriza. Como é habitual nos últimos tempos, chamaron especialmente a atención certos conxuntos particularmente numerosos e complexos. A parroquia monfortina de Distriz, que o ano pasado non se sumara á festa, presentou nada menos que dezanove figuras que compuñan praticamente un documento etnográfico: a recreación dunha vella ferrería cunha precisión case museística.

Máis moderna foi a inspiración doutro multitudinario grupo de bonecos instalados na rúa de San Pedro, que reproducían figuras atarefadas en diversos oficios: traballadores da construción, mecánicos, bombeiros, electricistas... Un letreiro portaba unha mensaxe facendo alusión a unha célebre serie televisiva: «Aquí non hai quen viva con tanto choio». Na ronda urbana monfortina, outros compadres reclamaron unha parada de bus, criticando ao mesmo tempo o belicismo do presidente de Estados Unidos. Na rúa Cardeal, varias figuras adestrábanse para competir en piragüísmo nas Olimpíadas. Na parroquia de Ribas Altas, os compadres formaron unha escena vistosa e algo enigmática, inspirada no mundo do cinema.

En Sober

No municipio de Sober, unha vez máis, as localidades de Matamá e Anllo destacaron pola abundancia e a complicada elaboración dos compadres. En Matamá, máis de vinte figuras parodiaron a Feira do Viño de Sober, con gardas civís controlando os niveis de alcoholemia. Os veciños da aldea -estes de carne e óso- compartiron un substancioso xantar de Entroido no medio de conxunto de bonecos. En Anllo, o tema consistiu nunha reprodución das antigas toleiras , ou sexa, o labor tradicional de desbravamento do monte.

Non faltaron compadres na capital do municipio. Na praza do Concello, unha trintena de bonecos representaron varias escenas alusivas a acontecementos da vida local, como a apertura das piscinas municipais -cunha piscina portátil auténtica-, a adquisición dun vehículo antiicendios ou unha festa do pixama. Tamén foron representados os integrantes do grupo musical local O Trícole.

Outros compadres en variadas actitudes puideron verse ao longo do día nos diferentes municipios da comarca, pero notouse un notable descenso en participación no festexo. Os bonecos faltaron á cita en varios puntos de Monforte e doutras zonas onde adoitan presentarse, o que seguramente se debeu ao feito de que o Entroido comeza moi cedo este ano e de que para preparar os compadres fai falta bastante tempo. A modo de exemplo, basta indicar que os veciños de Distriz estiveron traballando a diario desde a festividade de Reis para ter acabado a tempo o seu espectacular conxunto.