Letras no corazón de Galicia

LEMOS

O escritor lucense Xulio López Valcárcel foi o encargado de elaborar o primeiro roteiro turístico-literario dedicado á zona sur lucense grazas a un convenio establecido entre a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Dirección Xeral de Turismo. O programa, denominado Por terras de... , abrirase en toda Galicia coa participación de dezaseis escritores, cada un dos cales redactou unha pequena guía sobre a súa respectiva comarca nativa ou sobre outras terras coas que teña unha especial vinculación. Estas guías xa foron entregadas na súa totalidade a Turismo e serán impresas e distruibuídas en breve prazo por este organismo.

O territorio descrito na guía de López Valcárcel presentarase baixo o título O corazón de Galicia e abranxe os municipios de Chantada, Taboada, Portomarín e Guntín de Pallares. «Aínda que naceu en Lugo e reside actualmente na Coruña, este escritor ten de sempre unha relación moi estreita con esas terras, que coñece perfectamente e que visita con moita frecuencia, e por iso encomendouselle a redacción desta guía», sinalan fontes da AELG.

Xulio López Valcárcel, natural da parroquia lucense de Romeán, conta cunha ampla produción encadrada en diversos xéneros literarios, principalmente no ámbito da poesía. Nos anos oitenta formou parte -ao igual que o monfortino Lois Pereiro- do colectivo poético De amor e desamor . A súa obra abranxe arredor dunha trintena de publicacións individuais e colectivas, con poemarios como Alba de auga sonámbula , Solaina da ausencia , C asa última ou Memoria de agosto e traballos narrativos como Anel de mel ou Campo de Marte . No 2001 publicou ademais o libro de viaxes No corazón de Galicia , no que describe detalladamente un percorrido polo mesmo territorio do que fala na guía que está a piques de editar a Dirección Xeral de Turismo.

Novos roteiros

Se a guía redactada por Xulio López Valcárcel é polo momento a única publicación referida ao sur lucense dentro do proxecto Por terras de... , a situación quizá non tarde moito en mudar, xa que a AELG pretende dar continuidade a esta experiencia turística e cultural coa elaboración de novos roteiros. «Estas primeiras guías vanse editar mercé a un convenio que foi asinado a principios do ano pasado e que agora está a facerse efectivo», sinalan desde a asociación. «Para este ano está previsto establecer un novo convenio con Turismo e a nosa intencién é que outros escritores preparen roteiros sobre lugares que non foron incluídos nesta primeira serie, como poden ser a Terra de Lemos ou a Serra do Courel», engaden estas fontes. En tal caso, seguindo a mesma liña, a redacción dos novos folletos encargaríase a escritores naturais destas comarcas ou que as coñezan en profundidade.

Nesta primeira fase do proxecto, a provincia contará tamén con roteiros sobre a Mariña -a cargo de Miguel Sande, escritor e xornalista de La Voz de Galicia-, Lugo -preparado polo narrador Isidro Novo- e a Terra Chá, encomendado ao coñecido escritor Darío Xohán Cabana.

A iniciativa da AELG e de Turismo comprenderá ademais a celebración de conferencias que se desenvolverán en cada unha das comarcas tratadas nestas guías e que correrán a cargo de «escritores de prestixio internacional», segundo indican desde a mencionada asociación.