Lois Pereiro, en castelán

LEMOS

17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Espiral Maior ultima a preparación da que será a primeira antoloxía traducida ao castelán do poeta monfortino Lois Pereiro, falecido en 1996. A selección e a tradución dos poemas que se publicarán neste volume corre a cargo do escritor Miguel Anxo Mato Fondo -gañador no 2004 do premio de poesía Fiz Vergara en Sarria-, quen formou parte, ao igual que Pereiro, do grupo poético que nos anos oitenta editou as dúas obras colectivas tituladas De amor e desamor , unha iniciativa que tivo unha forte influencia no mundo das letras galegas. O editor e escritor Miguel Anxo Fernán-Vello, responsable de Espiral Maior, ten previsto presentar a antoloxía de Lois Pereiro en Madrid, nun acto para o que aínda non se fixou data nin lugar de celebración. «O libro será publicado xunto con outros tres volumes que forman parte dunha colección dedicada a difundir a literatura galega no ámbito da lingua castelá e queremos presentalos todos dunha soa vez», explica. Ao mesmo tempo que o libro de Pereiro, Espiral Maior editará senllas antoloxías poéticas de Manuel Rivas e Luz Pozo Garza, así como unha escolma de poesía galega escrita nos anos cincuenta. O feito de que os libros se presenten en Madrid, sinala Fernán-Vello, obedece á intención de difundir a obra destes autores fóra de Galicia. Por este motivo, o editor non cre conveniente celebrar o acto na Casa de Galicia, «porque iso sería case como se non saísemos de aquí». Na súa opinión, «a sede do Instituto Cervantes sería talvez un lugar excelente para esta presentación», pero de momento non está nada decidido. Edición bilingüe A antoloxía de Lois Pereiro, como os demais libros desta serie, será publicada en edición bilingüe, acompañando as traducións ao castelán cos textos orixinais en galego. Un dos detalles que falta por pechar é precisamente o do título do libro, que aínda non foi decidido polo antólogo e o editor. En calquera caso, Fernán-Vello espera que esta obra axude a dar a coñecer a un público moito máis extenso a obra de Lois Pereiro, «un poeta excelente que aínda é pouco coñecido fóra de Galicia e que merece ser proxectado no exterior». Ademais dos mencionados volumes do grupo De amor e desamor , a obra do poeta monfortino foi recollida nos libros Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade , publicados en vida do autor. Postumamente editouse tamén o libro Poemas para unha loia , que recollía textos antes só publicados na desaparecida revista literaria Loia . Pereiro figura ademais nalgunhas seleccións, como a Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 , preparada e editada no 2003 por Arturo Casas. A antoloxía de Espiral Maior xa ten algún precedente, dado que certos textos de Pereiro foron vertidos ao español de forma ocasional, entre outros, pola escritora leonesa Eloísa Otero. A figura e a obra de Pereiro seguen gozando dunha ampla consideración cando están cerca de cumprirse doce anos do seu falecemento. Na actualidade está anunciada a filmación dun documental sobre o poeta, baixo a dirección do xornalista Iago Martínez. Por outro lado, o grupo musical grovense Nadadora incluíu uns versos de Pereiro no seu segundo disco, Hablemos del miedo , aparecido o pasado ano. Desde hai dous anos, así mesmo, numerosas voces do mundo da cultura reclaman para Lois Pereiro un Día das Letras Galegas.