Sobrevivimos a outro Nadal. Co euro tirándonos da alma e coa alma tirando, a queimarroupa, en medio dos abrazos efémeros (duran o que dura o período navideño). Queda o 2008 por diante e hoxe, precisamente, un ten a sensación de que todo volve ao seu curso.
En Internacional miramos para Sarkozy, que probablemente é o mandatario europeo máis insoportable para este que escribe: por prepotente, hipermediático, por altivez barata. Digo mandatario europeo porque na categoría «mandatario non europeo» teño colección de nomes. Aí, en Internacional, teremos que lidar con Chávez e Iraq, coa India e coas Olimpíadas chinesas.
En Nacional o centro residirá nas eleccións de marzo, que talvez gane o PSOE porque o Partido Popular (enfrascado no frasco Acebes/Zaplana) realizou a peor oposición da historia da democracia. Rajoy cometeu o maior dos errores que pode cometer un líder: non renovar equipo. E non levanta cabeza cando a súa cabeza, tal como vai o día a día, debería sacar vantaxe á cabeza do actual Goberno.
En Galicia seguiremos co lastre da cidade/monstro que se constrúe nos arrabaldes de Santiago. E co tren que non chega. E con novo ministro de Fomento porque a señora Álvarez, defendida polo BNG (nunca serei capaz de entendelo), marchará coa súa música de soberbia e neglixencia. Nós preferimos outras músicas. Esas que debuxa este xaneiro en medio do corazón mancado. O corazón en derrota porque na costa nosa seguen a morrer homes do mar: onte, fronte ao Vicedo. Segue o mar amado arrebatándonos ansias e risa. Pero seguimos adiante. Porque o futuro é tamén unha vocación. E nós, os galegos e galegas, queremos ganalo con luces sen sombra. A golpe de abrazos que duren máis que os breves abrazos navideños. Sobrevivimos a outro Nadal. E ganaremos o futuro. Verás.