As obras avanzan na Maiorga

LEMOS

O goberno local de Pantón confía en abrir para o próximo verán o complexo turístico da pequena illa fluvial do Sil

06 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os traballos de habilitación da área turística da illa fluvial da Maiorga, no municipio de Pantón, seguen adiante coas obras de construción dunha escalinata que unirá o embarcadoiro co edificio que albergará un punto de venda de produtos tradicionais. As modificacións paisaxísticas causadas por esta intervención, financiada coa axuda da Dirección Xeral de Turismo, continuarán despois con outras operacións que serán custeadas polo consorcio turístico da Ribeira Sacra e que consistirán en adecentar o entorno destas instalacións e habilitar unha entrada para vehículos na zona do embarcadoiro. «Calculo que os traballos estarán rematados a mediados deste ano, de maneira que esperamos poder abrir as instalacións ao público para a próxima temporada de verán», apunta a este respecto o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez.

Os responsables municipais teñen previsto tamén abrir un concurso para adxudicar a particulares a xestión do centro turístico, que podería comprender tamén unha cafetería ou mesmo un restaurante, en caso de que así o decidan os futuros concesionarios do servizo. O Concello ofrecerá aos adxudicatarios a posibilidade de manter aberto o local durante todo o ano, aínda que en principio está previsto que funcione sobre todo durante as épocas de maior influencia de visitantes. Coa apertura destas instalacións, o Concello de Pantón espera fomentar o aproveitamento turístico e económico dunha das paraxes máis singulares do municipio. A illa da Maiorga formouse cando se construíu o encoro dos Peares e a subida do nivel das augas rodeou por completo o que ata entón fora unicamente unha elevación de terreo na ribeira. O encoro fixo desaparecer praticamente por completo a aldea que existiu durante séculos neste lugar e que lle deu o nome ao actual illote fluvial.