A concellería de Normalización Lingüística, dirixida por Alicia Cadarso, inicia a súa actividade cunha campaña de promoción do galego no ámbito administrativo baixo o lema En galego entendémoste, entendémonos . A iniciativa consiste na edición de 3.000 folletos nos que se resumen as normas legais vixentes que amparan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coas administracións públicas. Estes folletos foron publicados grazas a unha subvención de 1.500 euros concedida pola Dirección Xeral de Administracións Locais e serán distribuídos en todas as oficinas públicas e nos centros educativos do municipio. «Trátase de recordar tanto aos funcionarios como aos usuarios que existen este dereitos, que é algo que xa non debería facer falta a estas alturas, pero que segue sendo necesario», explicou a concelleira.
Alicia Cadarso anunciou ao mesmo tempo outras actuacións que este departamento pretende levar a cabo o ano próximo. Ao tratarse dunha concellería de nova creación -segundo precisou- non conta aínda con partidas específicas nos orzamentos municipais, pero esta situación mudará no 2008. Entre as iniciativas que se están a concretar figura unha campaña de promoción do galego nos centros educativos do municipio, para que o que está previsto manter unha serie de reunións coas direccións e o profesorado. A concellería pretente tamén promover accións deste tipo no ámbito do comercio e da hostalería, así como sumarse ao programa Correlingua, que se desenvolve desde hai anos en diversos lugares da comunidade e que consiste en organizar carreiras populares para reivindicar o uso normalizado da lingua galega en todos os ámbitos.
Polémica coa MNL
O fomento do uso do galego dera pé a unha polémica entre a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) e o Concello na anterior etapa de goberno. Esta asociación acusara no seu momento aos responsables municipais de mostrar escasa preocupación pola defensa do idioma, sinalando feitos como o de que a rotulación interna das oficinas e dependencias municipais estivese escrita exclusivamente en castelán, así como ode que nos letreiros que indican os nomes das rúas se mantivesen denominacións como Calle de La Coruña ou Calle del Burato . O voceiro local da MNL, Andrés Gómez-Chao, chegara a cualificar de «decepcionante» a actitude do anterior goberno municipal a este respecto, que tamén foi criticada pola asociación Amigos do Patrimonio de Lemos. A rotulación interna do Concello foi galeguizada o pasado ano e os letreiros das rúas foron corrixidos cando se levou a cabo a reforma do rueiro oficial.