Etnografía para netos e avós

LEMOS

Entre os próximos días 15 e 16, como xa se anunciara anteriormente, o pazo monfortino de Tor acollerá un obradoiro didáctico de arqueoloxía para nenos organizado polo Museo Provincial, de similar contido ao que xa se desenvolveu neste mesmo lugar o pasado verán. Esta entidade prepara ademais outra actividade que se levará tamén a cabo en Tor o día 15, pero neste caso o tema de divulgación é a etnografía e a cultura tradicional e a actividade diríxese tanto aos nenos como aos seus avós.

A iniciativa encádrase nun programa denominado Tirando do fío , que o Museo Provincial desenvolverá entre este mes e xaneiro en todas as súas instalacións museísticas. Monforte será a primeira localidade da provincia na que se organizan xornadas deste tipo, que se levarán a cabo nos museos de Lugo -o 27 de decembro-, San Paio de Narla, en Friol -o 3 de xaneiro- e Cervo, o 4 de xaneiro.

A idea consiste consiste en reunir ás xeracións máis vellas e ás máis novas para que estas últimas aprendan cousas sobre a vida cotiá de antano que os seus avós aínda puideron coñeceron directamente. A través dunha serie de xogos, os rapaces poderán coñecer diversos utensilios domésticos, ferramentas e costumes que antes eran habituais nos fogares galegos e sobre as cales os seus avós lles poderán explicar moitos detalles de interese que hoxe están case esquecidos.

A actividade completarase coa actuación de varios expertos que mostrarán aos nenos como se fiaba tradicionalmente con fuso e roca ou como os rapaces de antano fabricaban os seus propios xoguetes utilizando materiais sinxelos como paus, latas ou mesmo hortalizas. «O que se pretende é crear un ambiente semellante ao dos antigos filandóns, ás típicas reunións familiares a carón do lume nas que os anciáns transmitían todo tipo de coñecementos aos nenos», explican os responsables do museo.

Para participar nesta xornada hai que inscribirse previamente chamando por teléfono ao Pazo de Tor, no número 982?????165?????534. En caso de que se apunte un número suficiente de persoas, caberá a posibilidade de trasladar aos participantes en autobús desde o centro urbano. A actividade comezará ás cinco da tarde e durará aproximadamente unha hora e media. Para tomar parte no programa non hai límites de idade, nin por arriba nin por abaixo. Os obradoiros de arqueoloxía, como xa se adiantou no seu momento, están dirixidos a nenos de entre 9 e 13 anos de idade.