Organizan unha demostración nunha aldea de Taboada para esixir que o transporte escolar faga unha parada na localidade
08 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Pouco despois das once da mañá, baixo unha chuvia fina pero intensa, un autocar contratado a unha empresa ourensá manobra para entrar no núcleo taboadés de Quinzán do Carballo, simulando ir recoller os rapaces de idade escolar -tres na actualidade- que residen na aldea. Para entrar en Quinzán desde a estrada LU-6001 hai que tomar un desvío e subir por unha pista asfaltada de menos de catrocentos metros. O chófer tarda como tres minutos en efectuar a suposta recollida de escolares e un grupo de veciños de Quinzán, que seguen a operación a bordo do autobús, prorrompen en aplausos. Momentos antes xa houbera outra salva de aplausos, cando o vehículo enfiou polo desvío que leva ás casas de Quinzán. «Hai que felicitar a este condutor, porque é moi bon. O outro debe ser malo e por iso non é capaz de entrar na aldea», di con sorna un dos veciños. «Habería que cambiar de empresa ou de chófer», comenta outro.
Con esta demostración, os veciños de Quinzán esperan conseguir que, despois de tantos anos de espera, o autobús escolar leve a traia aos seus rapaces ata a porta da casa. De momento, os cativos vense obrigados a andar 1.200 metros para coller o vehículo que os conduce diariamente ata as instalacións educativas da capital municipal. «O delegado de Educación díxonos que se demostrábamos que os vehículos grandes poden entrar na aldea, o próximo luns xa viría o autobús recoller aquí aos rapaces», explica Luis Moure, un dos organizadores desta peculiar movilización.
A operación de entrada e saída do autobús na aldea foi seguida atentamente por unha patrulla da Garda Civil de Tráfico que apareceu para vixiar a manobra -algo pouco habitual neste punto concreto, evidentemente-, pero que non a interrompeu en ningún momento. Ademais de velar para que non houbese inconvenientes para a circulación, os axentes limitáronse a tomar fotografías e a comprobar a documentación do chófer do autocar. «Así xa viron eles tamén que os autobuses poden entrar e saír no núcleo sen ningún problema», comenta Moure.
Suposta falta de espazo
Segundo indican os promotores deste acto, a empresa taboadesa que se encarga do servizo de transporte escolar negouse sempre a levar o autobús ata a aldea alegando que non hai espazo suficiente para realizar con seguridade a manobra de entrada e saída. «O problema é que o dono da empresa é o presidente local do Partido Popular e que o condutor deste autobús leva moito tempo sendo concelleiro do PP, aínda que nas últimas eleccións non saíu elixido por poucos votos», afirma Luis Moure. «Por esa razón o alcalde, que ademais é o director do instituto de Taboada, non quere presionar para que se solucione dunha vez este problema tan vello, por non ter un conflito con xente do seu partido», engade. Moure afirma así mesmo que o mandatario, José Ramos Ledo «ao principio dicía que o autobús non podía xirar ben para entrar en Quinzán e ofreceu a unha veciña unha permuta de terreos para amañar un espazo no que puidese manobrar o vehículo. Debía de pensar que a veciña non aceptaría o trato, pero ela aceptou, e entón o Concello botouse para atrás, seguramente porque os responsables da empresa non querían facer a parada de ningún modo», engade.
O alcalde non puido ser localizado onte por este periódico para que expresase o punto de vista do goberno municipal. Tampouco foi localizado o delegado provincial de Educación, que onte estaba ocupado en diversas reunións.