Cine con acento quirogués

LEMOS

O día 10 proxectarase por primeira vez en Quiroga o filme «O desexo», rodado no municipio en 1994

04 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O próximo día 10 Quiroga rememorará unha singular experiencia cinematográfica vivida por un bon número de veciños hai trece anos. Por primeira vez -a partir das seis da tarde, no auditorio municipal- será proxectada publicamente na vila a curtametraxe O desexo , realizada por Miguel Castelo e interpretada por unha vintena de veciños da zona.

O filme baséase nun relato breve do escritor rianxeiro Rafael Dieste, O vello que quería ve-lo tren , publicado en 1926 no libro Dos arquivos do trasno . A historia está ambientada a principios do século pasado e o argumento é moi sinxelo: un ancián que vive nunha aldea de montaña pide á súa familia que o leve a ver un tren antes de morrer.

A maior parte da rodaxe levouse a cabo en Quiroga e A Pobra do Brollón. Os papeis principais foron interpretados por Claudio Álvarez Dacal, Mercedes Pérez, José Manuel García Mondelo -hoxe concelleiro da corporación quiroguesa- e o neno monfortino Agustín Aira. A selección dos actores levouse a cabo entre veciños de ambas comarcas nunhas probas realizadas na Casa de Cultura quiroguesa. Entre os secundarios estaba o xa daquela alcalde Julio Álvarez, quen interpretou un pequeno papel de médico rural.

A película foi premiada no seu momento en diversos festivais e proxectouse en Monforte no Día das Letras Galegas de 1995 -dedicado precisamente a Rafael Dieste-, pero en Quiroga só puido ser vista ata agora de xeito privado, en casetes ou DVD.

Non foi esta a primeira vez que se rodou unha película en Quiroga, xa que anteriormente foran filmadas neste municipio algunhas escenas de Sempre Xonxa , de Chano Piñeiro. Si foi a primeira ocasión en que os veciños de Quiroga traballaron como actores non profesionais nun filme. Unha experiencia semellante repetiríase en decembro do 2005, coa filmación no municipio dun episodio da serie de Telecinco Hospital Central , no que tamén participaron varios veciños de Quiroga, entre eles o alcalde.