A asociación cultural taboadesa O Carballo organiza esta noite -a partir das 21.30 horas- un magosto popular na praza de Riazón, amenizado polo dúo musical Camelia. Desde hai uns tres anos, Xosé Antón Ledo preside este colectivo formado hoxe por cerca de 120 persoas.
-¿Que obxectivos se marca actualmente a asociación?
-Tratamos de recuperar o dinamismo que tivemos hai tempo e que se perdeu un pouco hai algúns anos, cando a asociación estivo a punto de disolverse. Unha das cousas que esperamos facer é recuperar o grupo de baile que tíñamos antes e que se desfixo porque había moi poucos rapaces inscritos. Queremos promover todo tipo de actividades culturais e que non todo sexan festas.
-En xeral, ¿como está hoxe o asociacionismo no municipio?
-O mesmo que a nosa asociación, decaeu un pouco nos últimos anos, pero hoxe está a recuperarse. Este ano, por exemplo, formouse un grupo de rapaces para organizar de novo a Festa da Xuventude, hai unha asociación de xubilados, unha coral... Se se suman as actividades que promovemos entre todos ao longo do ano, resulta un número importante.
-¿Como financian as súas actividades os colectivos como O Carballo?
-Coas axudas para as asociacións que conceden cada ano o Concello e a Deputación. Para algunha actividade concreta, tamén podemos solicitar unha axuda á Consellería de Cultura.