Cine galego na biblioteca

LEMOS

Ribas do Sil e O Saviñao son os primeiros municipios da zona que participan no circuíto «Cinemas dixitais»

13 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Na biblioteca municipal de Ribas do Sil proxectaranse mañá -a partir das seis da tarde- a película Condenado a vivir , dirixida por Roberto Bodegas no 2001, o primeiro filme inspirado na historia de Ramón Sampedro, e a curtametraxe O tesouro . Con esta sesión iníciase no municipio o ciclo Cinemas dixitais , unha iniciativa coa que a Consellería de Cultura pretende «achegar o cine ás vilas que non contan con salas comerciais, promover as producións audiovisuais galegas e contribuír a estabilizar unha programación audiovisual nos concellos do país», segundo indican fontes deste departamento.

Este circuíto inaugurouse o pasado día 4 en Sada e Arteixo. Segundo informou a consellería, xa se inscribiron cerca de sesenta concellos. As proxeccións levaranse a cabo en formato DVD en casas de cultura, bibliotecas, teatros, salóns de actos e outros locais que se consideren axeitados.

No sur lucense, por agora, os únicos municipios que participan nesta experiencia son Ribas do Sil e O Saviñao. No segundo caso, aínda non se deu a coñecer o calendario de proxeccións. Polo que respecta a Ribas do Sil, as sesións cinematográficas -aparte da xa mencionada de mañá- serán o 21 e o 28 de outubro, o 4, 11, 18 e 25 de novembro e o 2, 9, 16 e 23 de decembro. Durante eses días poderán verse, respectivamente, as curtametraxes Pataghorobi e Jalisco e as longametraxes A biblioteca da iguana , A Atlántida , Entre bateas , Autopsia , Máis ca irmáns , Mentíndolle á vida , O partido , Sara e Secuestrados en Xeorxia . Estas trece producións proxectaranse en todas as localidades onde se desenvolve o programa. Todas eles teñen en común o feito de ser filmes realizados directamente para a televisión, un xénero que cada vez cobra máis importancia en Galicia.

A Axencia Audiovisual Galega, que se encarga de xestionar o programa Cinemas dixitais , xa está preparando un novo ciclo de proxeccións, no que se pretende difundir documentais sobre diversas temáticas.