Aínda que no último Consello de Goberno se aprobou unha normativa para a creación de departamentos, Herrero advirte que non se crearán todos os que se soliciten
30 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O pasado venres tivo lugar a inauguración oficial do curso 2007-2008 no sistema universitario galego, aínda que será mañá se faga efectivo o inicio das clases. No campus de Lugo, este novo período lectivo vén cargado de cambios e de grandes retos aos que terán que facer fronte tanto o profesorado coma os alumnos.
-¿Con que perspectivas se presenta o novo curso e como pensa que se vai desenvolver?
-A matrícula está aínda aberta polo que resulta precipitado dar datos. Aínda así, o que si podo adiantar é que nas titulacións con límite de prazas están case todas pechadas. Xa o fixeron, por exemplo, Enfermería, Obras Públicas, Topografía, Educación Física e Educación Infantil. En Veterinaria quedan unhas pouquiñas prazas e tampouco pecharon de todo a matrícula Educación Primaria e Lingua Estranxeira. En canto á tendencia nas cifras de matriculación, agardamos que se manteña o aumento de alumnos de primeiro ano; mentres que no global é de prever unha lixeira baixada, que, non obstante, se ve compensada cos alumnos que se matriculan nos posgraos oficiais. Polo que ao desenvolvemento do curso respecta, será un ano importante de cara ao proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, porque xa imos traballar cos novos modelos de grao que se van ir implantando de aquí ao 2010. Ademais, no campus de Lugo xa está funcionando un posgrao oficial, o de Servizos Culturais, e van botar a andar outros dous: o de Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental e o de Enxeñería para o Desenvolvemento Rural.
-¿Que retos se marcan para o curso 2007-2008?
-Retos hai moitos. O fundamental, dende o punto de vista académico é seguir desenvolvendo esa transformación, non só no referente á conversión das titulacións en graos, senón tamén á hora de engarzar estes graos coa oferta de posgraos oficiais, sen esquecer, a adaptación de profesores e alumnos aos novos modos do sistema ensino-aprendizaxe. Será necesario tamén adaptar infraestruturas e acondicionar centros. Outro reto importante a conseguir este ano é a renovación da certificación para a Facultade de Veterinaria, que será visitada en marzo pola comisión avaliadora.
-No campus lugués están anunciados unha serie de cambios que afectan a un conxunto de infraestruturas, ¿poderase materializar algún neste curso?
-Pretendemos rematar polo menos a primeira fase da sede do Vicerreitorado, que finalizará este ano, e avanzar na segunda, que se sacará a concurso para que haxa o menor período de inactividade entre ambas. A últimos de ano comezarán as obras de remodelación e ampliación da Facultade de Ciencias, adxudicadas a Fomento de Construcciones y Contratas nuns catro millóns e medio de euros. Trátase dunha obra ambiciosa, xa que toda a parte de laboratorios e recursos de investigación vai ser nova. En canto ao edificio que se converterá na nova sede do Ibader, xa hai asinado un convenio entre as institucións que forman parte do padroado para financiar nun período de tres anos, incluído o actual, a reforma da Casa da Granxa. O proxecto arquitectónico está rematado e só restarían algunhas correccións para adaptalo ás últimas necesidades e empezar a reforma a finais deste ano ou inicios do 2008. Finalmente, o novo edificio de Enxeñería Civil, que xa saíra a concurso, quedou deserto nun primeiro intento. Estamos traballando coa Deputación para iniciar o procedemento de nova licitación para arrancar dunha vez con este edificio para o que xa hai asignación económica.
-¿A creación de departamentos propios no campus de Lugo poderase facer realidade axiña?
-Tralo último Consello de Goberno, celebrado no mes de xullo, existe xa unha norma reguladora que establece esa posibilidade, polo que se estudarán as propostas que se formulen. Aínda así, que exista a norma non quere dicir que todo o que se solicite se vaia crear. Non se trata de crear departamentos como setas, senón poñer en marcha aqueles que supoñan unha mellora para o campus de Lugo, desde o punto de vista académico e científico.