Chámase Carmen María Casas, é de Escairón e xunto cun grupo de veciños está levando a cabo unha campaña de recollida de sinaturas para mostrar o seu desacordo co cambio de localización do centro de saúde, que se pretende instalar detrás do cuartel da Garda Civil.
-¿Como organizarán esta campaña dende a plataforma veciñal?
-Comezamos hoxe [por onte] a recoller sinaturas e repartindo os escritos por todos os comercios e bares de Escairón e dos lugares limítrofes onde son usuarios do centro de saúde. Pretendemos que sexa unha campaña moi activa e entregar logo as sinaturas no Sergas.
-¿Que é o que propoñen?
-Debería ser o Concello o que se preocupase de solucionar os problemas. Pero nós propoñemos que se traslade o matadoiro para o polígono e utilizar o espazo de sindicatos e matadoiro para facer o novo centro de saúde.
-Porén, a cesión dos terreos a Sanidade xa foi aprobada en pleno. ¿A estas alturas é unha decisión reversible?
-Cando houbera a polémica por situar o parque multiaventura no parque da Devesa, o alcalde dixo que a súa vontade era escoitar ao pobo. Agora debe escoitar a voz dos veciños sobre o centro de saúde. Eu creo que aínda se pode negociar co Sergas para atopar outra parcela que cumpra os requisitos. Ademais, podían valerse do futuro plano urbanístico para organizar mellor esta localización.