Paradoxos da cidade que despegou en tempos de crise

La Voz

LEMOS

O destino ten paradoxos e un dos de Lugo foi que, froito dunha das etapas de maior retraemento económico, no XVIII, as festas do San Froilán tivesen o pulo actual, porque aumentouse a duración das feiras. Outro paradoxo da provincia é que a súa riqueza artística estivese moi relacionada co seu atraso secular.

-O interior de Galicia e de Lugo ten un gran patrimonio, e sen embargo sempre foi unha zona moi atrasada.

-O atraso secular ven dado porque, en primeiro lugar, os que traballaban a maior parte das terras eran colonos, ata que ten lugar a desamortización de Mendizábal. E aínda a posteriori se produce a redención de foros. As terras eran case todas dos señores ou da Igrexa, e o resto tiñan que pagar rendas. Outra causa foi a falta de comunicacións, aínda que cambio moito a cousa coa chegada do ferrocarril, que en 1875 une as cidades de Lugo e A Coruña, e en 1881 xa queda completada a liña ata Madrid.

-O Lugo romano está en auxe, pero a trama urbana e o urbanismo máis antigos que se conservan son os medievais. ¿Dáselle ao primeiro máis importancia ou ten máis valor?

-Ao ser máis antigo ten máis valor, aínda que todo é moi relativo. Ata agora sempre se lle deu a arqueoloxía máis importancia, pero iso non quere dicir que o mundo medieval non sexa importante. Na arquitectura civil é máis modesto, pero a propia catedral e varios monumentos son medievais.

-¿Ante problemas como o do auditorio, estamos nunha época difícil para engarzar o histórico co moderno ou tamén houbo tensións noutras etapas?

-Houbo cambios que afectaron á rede viaria, como cando tiraron soportais para ensanchar a Rúa Nova. Hai que resaltar que no XVI e no XVIII houbo rexedores que tiñan coidado en conservar os achádegos romanos.