Os ataques de fungos xa se dan por desaparecidos na Ribeira Sacra e o bon tempo acelera a maduración da uva
08 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os problemas sanitarios que se rexistraron recentemente nos viñedos da denominación Ribeira Sacra e que poden reducir considerablemente a colleita deste ano xa se dan por desaparecidos, segundo os responsables do consello regulador. Os severos ataques de mildeu e de black-rot que se produciran ultimamente en diversas zonas remitiron por completo, ata o punto de que o presidente do referido organismo, José Manuel Rodríguez, considera que «a situación sanitaria nestes momentos é perfecta. No seu momento perdeuse unha cantidade importante de uva, pero o problema xa está solucionado», engade.
De momento, por outra parte, segue sen haber unha data oficial para o inicio da colleita, aínda que o bon tempo reinanente está acelerando nos últimos días o proceso de maduración, notablemente retrasado con respecto a anos anteriores debido as peculiares condicións meteorolóxicas deste verán. Os servizos técnicos do consello regulador, explica Rodríguez, están realizando novas probas de maduración, que serán avaliadas a semana próxima. «Seguramente non poderemos fixar unha data de apertura da campaña ata dentro duns dez días», estima o máximo responsable do consello regulador.
Previsións favorables
Os viticultores da denominación esperan que o tempo siga manténdose cálido, soleado e estable ata o inicio da colleita. As previsións de Meteogalicia indican por agora que as actuais condicións meteorolóxicas se manterán na zona polo menos ata o próximo venres, con máximas de entre 23 e 28 graos, mínimas de entre 13 e 17 e escasas posibilidades de precipitacións.
Na campaña do pasado ano, a recollida da uva comezou o 6 de setembro en certas zonas onde a maduración foi máis temperá. A data oficial no coxunto da denominación fora marcada para o día 14. Este ano haberá que esperar algo máis para iniciar o traballo, pero aínda non se sabe canto.