Entre os quilovatios e o turismo

LEMOS

Defensores do patrimonio da Ribeira Sacra aplauden a decisión do Ministerio de Medio Ambiente de frear o proxecto dunha nova instalación hidroeléctrica

23 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A decisión de Ministerio de Medio Ambiente de instar a Iberdrola a reubicar a nova central eléctrica que proxectaba construír no Canón do Sil -nunha zona incluída da Rede Natura- foi recibida con satisfacción por diversos colectivos e persoas interesados na conservación do medio natural da Ribeira Sacra. Esta circunstancia, en opinión de varios expertos, debería estimular un debate que axude a definir con claridade unha liña de desenvolvemento acorde cos valores naturais e culturais destas comarcas.

Tal é o parecer do escritor Gonzalo Xosé de Francisco da Rocha, autor do libro Orientarse pola Ribeira Sacra , quen considera que a zona «xa está máis que aproveitada no que respecta ás explotacións hidroeléctricas, que ademais nunca repercuten no benestar e na calidade de vida das poboacións onde se asentan». Ao seu xuízo, «Galicia xa produce moita hidroelectricidade e non hai por que seguir sacrificando zonas de tanto interese como a Ribeira Sacra».

De Francisco menciona a este respecto o caso da presa que bloquea desde hai anos a fervenza da desembocadura do río Xallas, no municipio coruñés de Vimianzo. «A empresa propietaria da presa xustifícase dicindo que cada litro de auga que non pasa polas súas turbinas é diñeiro perdido, pero creo que a estas alturas non é iso o que precisamos -comenta-. Necesitamos outas vías desenvolvemento que respecten os valores naturais e a nosa herdanza cultural».

Polo que respecta á Ribeira Sacra, o escritor aposta por protexer con firmeza o medio ambiente e a paisaxe tradicional e por potenciar un turismo de alta calidade, que ao seu parecer «non está tendo aínda unha promoción seria na zona, aínda que xa hai algunhas iniciativas interesantes, como a posta en funcionamento do consorcio turístico».

Patrimonio da Humanidade

De Francisco vaticina que «a Ribeira Sacra acabará sendo declarada Patrimonio da Humanidade, talvez non de inmediato, pero si nos próximos anos, e iso pode atraer un turismo dunha nivel moi alto». Para fomentar o desenvolvemento económico da zona -engade-, «non hai que construír máis explotacións hidroeléctricas, senón instalacións hoteleiras como que a que se construíu recentemente en Pantón ou como a que queren facer agora en Sober. E tamén é necesario buscar fórmulas para facilitar as visitas ás igrexas e outros monumentos da zona, mellorar a sinalización turística e eliminar os vertedoiros incontrolados que aínda seguen existindo».