A histórica construción está a ser obxecto de traballos de limpeza, desentullo e recuperación arqueolóxica, pasos previos á súa transformación nun hotel de luxo
16 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.MONFORTE | O antigo Palacio de Sober comeza a recobrar un aspecto que ninguén lembraba desde había moitos anos. Desde os inicios do verán, as obras de desentullo e limpeza do histórico edificio que será transformado nun hotel de cinco estrelas pola empresa Alvaher 98, mudaron substancialmente a visión das ruínas, antes cubertas en grande parte de maleza e edras. Esta primeira fase das obras de rehabilitación comprende tamén a recollida das numerosas pedras caídas da vetusta edificación, abandonada desde hai cerca dun século. Nas últimas semanas fóronse recuperando trozos de sillares, pavimentos, columnas, arcos, peitorís e outras pezas, que se depositan ordenadamente no terreo circundantes e que -cando é posible ou necesario- son convenientemente numeradas.
E é que a intención dos promotores da obra -recorda Manuel Viéitez, o arquitecto que dirixe o proxecto técnico- é reconstruír coa maior fidelidade posible o aspecto que tiña o palacio dos López de Lemos antes de caer no abandono e na ruína. Coa axuda dun arqueólogo estanse a identificar as diversas partes históricas da construción, que en palabras de Viéitez é «un puzle de diversas épocas e estilos», co obxecto de levar a cabo esta reconstrución de forma rigurosa. Os exames realizados ata agora determinan que as seccións máis antigas que se conservan poden datar do século XII. No edificio identificáronse tamén diversas reformas, ampliacións e engadidos que se fixeron desde esa época ata talvez o século XIX.
A obra de restauración, comenta o arquitecto, farase de tal xeito que permita visualizar as diferentes etapas da historia do palacio, que será explotada como un dos seus principais atractivos cando o hotel estea en disposición de comezar a prestar servizo. «O que se pretende atraer é un tipo determinado de turistas de alto poder adquisitivo e de nivel cultural elevado, que se interesan pola historia e o patrimonio. Un tipo de turismo ao que por agora non se lle prestou demasiada atención en Galiciaa», agrega Manuel Viéitez.