Un centro descoñecido

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

PENOUCOS

Un edificio anexo o Concello, coñecido como Casa do Puche, albergou un dos primeiros centros hospitalarios da vila e ata o de agora non se tiña constancia do seu emprazamento

14 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa mantiña a sospeita de que na vila de Sarria, e dentro dela, houbera un hospital anterior ao de Santo Antón Abade, mandado construír por don Dinís de Castro e Portugal. Nesa dirección apuntaban os datos do pergamiño cos apeos dos bens da igrexa de Santa Mariña, das primeiras décadas do século XVI, que nos remitían a leiros que confinaban con outros do Hospital de Sarria. Coñecida a circunstancia da adquisición dos terreos do leiro e Cortiñeiro a Pedro Díaz de Guitián e ós seus irmáns, fronte á Fortaleza e a San Salvador o 14 de novembro de 1592 para a construción do promovido polo crego de Castro e Portugal, resultaba evidente que, cando menos, oito décadas antes había outro hospital que polas referencias coñecidas debía ser moi vello ao presentar a súa fronteira ameaza de ruína. O sarriao Antonio Díaz de Guitián, polo seu testamento de 21 de decembro de 1580, deixou mandas para reparacións no edificio do Hospital, que, ao igual que sucedía coa igrexa de San Salvador debía vir de antigo baixo o patrocinio desa familia que ata quedar subsumida nos Saavedra será a máis destacada estirpe sarriá e o máis sarriao dos apelidos fidalgos. Por aqueles anos Pedro López de Ronfe, alcalde da vila, e os rexedores Domingos Fernández de Cedrón e o Conde de Lemos, concertan con Melchor (carpinteiro de Rubín) e Bartolomeu López (canteiro da Ponte Ribeira) o amaño da parte dianteira do hospital, para quitarlle a barriga que parecía caer cara a parte da propiedade de Pedro López, así como para acabar de lousar e realizar outras obras que faltaban na cámara que está detrás do hospital, ademais de retellalo enteiro para que non chovese dentro del. E seguindo co seu benévolo quefacer, o mesmo Antonio Díaz o 6 de novembro de 1582 fixo doazón dunha cama con roupa, pagando ademais a fabricación dunha cámara independente para poñela nunha parte alta do altar, pechada para que puidesen usala algúns pobres limpos que viñeses a este hospital, aclarando que esta cama sustentaríaa o vínculo da súa familia e mentres viva a súa muller, Milia Vázquez Quiroga, e despois os herdeiros que levasen os seus bens, poñendo por vixiantes do cumprimento do mandato a Xustiza e Rexemento da vila. Queda por determinar onde se encontraba este hospital para pobres, anterior e ben distinto do que fundou don Dinís de Castro destinado a atención de peregrinos pasaxeiros pobres que volvían de Santiago. Non teno dúbida ningunha, e por primeira vez se fai fixación da ubicación que o Hospital de Sarria (existente cando menos xa no século XV) estaba no que hoxe coñecemos como Casa do Puche, e que en realidade foi Casa dos Díaz de Guitián. O Hospital, como era habitual, estaba formado por unha capela, normalmente separado o espazo de atención a pobres dos destinado a culto por medio dun reixado de madeira, en total promiscuidade da funcións, razón pola que, para darlle intimidade Antonio Díaz manda facer unha cámara, é dicir un taboado alto e pechado de madeira, para instalar unha cama con roupa, dotada pola súa familia, ademais da cámara que se fixo na parte traseira de capela hospital. De esa capela non queda máis lembranza ca que se deduce da anterior descrición, e da recente aparición no interior na casa número 16 da Rúa Maior, do que debeu ser a entrada da capela, que estaría un pouco arredada da rúa, e que na parte posterior tiña a referida cámara, que tivo continuidade no segundo corpo da actual casa, que repite a disposición primitiva: hospital-cámara. Poucos anos despois dos arranxos e modificacións anteditos o Hospital de Sarria debeu deixar a súa función ao se construir o de Santa Antón Abade, fronte a San Salvador, xa baixo o coidado dos patróns institucionais, Xustiza e Rexemento, e máis adiante don Xoán Díaz de Guitián, párroco de San Salvador vai fundar nesa casa un centro de acollida ou pousada de cregos que «a Sarria veñan» ao tempo que tamén instala nesa casa a Tulla do Pan para axudar aos pobres e a fundación Obra Pía dos Guitián, adicada a darlles dote a mozas casadeiras necesitadas, sobre todo para as da súa liñaxe. Este Hospital de Sarria (chamarémoslle dos Díaz de Guitián para distinguilo) a carón do que hoxe é a casa do Concello, únese así a nómina do máis antigo de San Roque ou da Madalena, e os de Sam Antón Abade e San Lázaro (en Maside). O escudo pétreo dos Díaz de Guitián na cornixa, e algúns restos arquitectónicos escondidos tras da fronteira modernista, son o recordo que queda daquela benéfica institución hospitalaria e das fundacións anexas.