Crónica | Novas figuras para o 17 de maio Lois Pereiro está por segunda vez entre os posibles candidatos a protagonizar o Día das Letras Galegas, dos que tamén pode formar parte desde agora Fiz Vergara
18 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? posibilidade de que o poeta monfortino Lois Pereiro, falecido en 1996, sexa o protagonista do 17 de maio volve a formularse a medida que se aproxima a data -o próximo día 30- en que a Real Academia Galega escollerá o autor ao que se dedique o próximo Día das Letras Galegas. Esta idea xa foi manifestada a miúdo en diversos círculos culturais antes incluso de que se cumprisen dez anos do falecemento de Pereiro, o período mínimo de tempo que debe transcorrer para que un escritor reciba esta homenaxe. No 2005, o seu nome foi o mais votado nunha enquisa que organizou con este motivo un portal de Internet. O Concello de Monforte organizou nese mesmo ano unha homenaxe pública na que tamén se pediu para el o Día das Letras Galegas. O académico lucense Darío Xohán Cabana considera que Lois Pereiro é un bo candidato para esta celebración cultural, pola calidade literaria da súa obra. Non obstante, nin nega nin afirma que o poeta monfortino estea entre os nomes que baralla actualmente a academia, xa que as súas deliberacións non poden darse a coñecer ata que se tome a decisión final. Cabana puntualiza por outro lado que hai outros importantes autores contemporáneos pendentes de homenaxe e que, en principio, calquera deles podería ser elixido. Entre eles, sinala os nomes do samonense Fiz Vergara, -falecido en 1997- e do quirogués Eduardo Moreiras, morto en 1991. O escritor apunta a este respecto que «tamén están outros casos notables como os de Xosé María Álvarez Blázquez, Ricardo Carballo Calero, Florencio Delgado Gurriarán ou Valentín Paz Andrade, que contan todos eles con obras literarias importantes. E hai autores máis antigos que tamén merecerían unha homenaxe, como Antonio Fernández Morales, que escribiu no século XIX uns poemas en galego do Bierzo anteriores incluso á obra de Rosalía», engade. Outros autores lucenses que tamén poderían ser homenaxeados en anos próximos son o tradutor chantadino Avelino Gómez Ledo e o poeta guitiricense Xosé Díaz Castro. Ambas figuras foron propostas nos últimos anos por diversas personalidades e colectivos. Pero o que faría especialmente interesante un 17 de maio dedicado a Lois Pereiro, segundo os seus defensores, é que podería axudar a interesarse polas letras galegas ao público máis novo.