A notoriedade literaria do sur lucense segue crecendo

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

En directo | Premios de literatura Teresa Moure e Xesús Manuel Marcos incrementan o importante volume de galardóns conseguidos nos últimos anos por diversos autores nativos da zona

14 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?ta hai uns anos non era habitual que escritores nativos do sur lucense gañasen premios literarios de renome. Unha excepción era o monfortino Lois Diéguez, quen recibira en 1986 o premio Blanco Amor pola novela A canción do vagamundo . Nos últimos tempos a situación mudou substancialmente e cada vez son máis os naturais destas terras que se ven distinguidos con importantes galardóns. Os casos máis recentes son os da monfortina Teresa Moure e o courelao Xesús Manuel Marcos. Moure gañou o premio teatral Rafael Dieste coa obra Unha primavera para Aldara e Marcos, o premio Terra de Melide coa novela A lúa dos Everglades . Tanto un como outro xa contan con notables distincións. Sobre todo Moure, quen no 2005 gañou coa súa novela Herba moura os premios Xerais, Irmandade do Libro e Benito Soto, ademais dos da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Crítica Española. Outra novela súa, A xeira das árbores , foi distinguida no 2004 cos premios Lueiro Rey e Arcebispo Sanclemente. Así mesmo, o seu ensaio Outro idioma é posible recibira nese ano o premio Ramón Piñeiro. Pola súa parte, Marcos gañou no 2004 o premio Merlín de narrativa xuvenil con O brindo de ouro e fora galardoado antes co premio Modesto Figueirido de narracións breves. Estes galardóns súmanse aos conseguidos polas novelas do monfortino Manuel Veiga, premio García Barros do 2006 con Lois e Helena buscándose nun día de tormenta e premio Xerais do 2004 coa obra???? O exiliado e a primavera. No 2005, a xove poeta do Saviñao Alicia Fernández logrou o premio Aurelio Aguirre co libro Verdes imaxinados . Outro autor de Monforte, Antón Lopo, gañou no 2004 o premio Álvaro Cunqueiro coa peza teatral Os homes só contan ata tres . No 2003 recibira o premio Esquío de poesía polo libro Fálame . No 2004 tamén foi distinguido un autor do Saviñao, Carlos Quiroga, premio Carvalho Calero coa novela Inxalá . No mesmo ano, Olga Novo, da Pobra do Brollón, gañara o premio Ánxel Fole co estudo Uxío Novoneyra, lingua loaira e en 1996 o premio Losada Diéguez polo poemario Nós nus . Marica Campo, do Incio, recebera no 2000 o premio de poesía Fiz Vergara por Pedinche luz prestada .