Temes segue á espera de revelar os seus segredos

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

En directo | Investigación arqueolóxica A asociación Lugopatrimonio continuará insistindo para que se fagan novas escavacións na coñecida igrexa de Carballedo, que será sinalizada en breve prazo

13 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?nha das primeiras actuacións da asociación Lugopatrimonio, en xuño do 2006, consistiu en solicitar á Consellería de Cultura que se realizasen novas investigacións arqueolóxicas na igrexa de Santa María de Temes, en Carballedo, onde se conservan algúns dos testemuños máis antigos da difusión do cristianismo en Galicia. Pasado un ano, aínda non hai unha data para facer escavacións neste lugar, pero a asociación pensa seguir insistindo. O escritor monfortino Lois Diéguez, presidente de Lugopatrimonio, considera que a igrexa e o seu entorno poden albergar restos de grande interese. «O arqueólogo Jaime Delgado, que foi quen máis estudou esa igrexa, opina que teñen que aparecer máis cousas nos arredores do templo e na casa reitoral», explica. «Hai que ter en conta que se trata dun xacemento paleocristián, un antecedente de todos os eremitorios e mosteiros que houbo na Ribeira Sacra na Idade Media e un dos monumentos de maior interese de toda a zona», agrega. Os responsables de Patrimonio, sinala o escritor, non desbotan realizar escavacións no lugar, pero non nun futuro inmediato. «Como alí xa se fixeron algunhas catas arqueolóxicas hai anos, consideran que agora hai que prestar atención a outros lugares que nunca foron investigados. Nós entendemos que os orzamentos son limitados e que o que hai que investigar é moito, pero seguiremos pedindo que se estude máis a fondo a igrexa de Temes, dado o seu especial interese», di. Por outro lado, Lugopatrimonio espera que en breve prazo poida cumprirse outra iniciativa relacionada con Temes -máis fácil de levar a cabo- que solicitou en tempos recentes. Consiste en instalar unha serie de sinais que permitan localizar a igrexa desde diversos puntos das comarcas de Chantada e de Lemos. A igrexa de Temes fíxose célebre desde que o párroco Segundo Capón encontrou, en 1974, unha ampla serie de pezas de excepcional valor arqueolóxico embutidas en diversos puntos de construción. Entre elas destacan un relevo paleocristián do século IV -o máis antigo que se coñece ata agora en Galicia- e unha lápida da época visigótica datada no ano 806, que fai referencia á consagración dun vello templo que ocupou o lugar do actual.