O Filandón do Courel rememora a súa historia

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

En directo | Tradicións populares Os organizadores do festival de música tradicional preparan a edición dun disco e un DVD para celebrar o seu décimo aniversario, que se cumprirá este verán

02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?ara o 22 de xullo está prevista a celebración do próximo Filandón de Músicas do Courel, un singular festival de música e tradicións populares que está a punto de cumprir dez anos. Para festexar o aniversario está previsto editar un disco e un DVD que recollerá un amplo resumo das actuacións ofrecidas durante esta primeira década de vida. Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense e organizador do festival, espera que o disco -que será publicado no selo Sons Galiza- estea terminado para esas datas. «Pretendemos incluír unha actuación de ao menos cada un dos grupos e solistas que actuaron nestes anos no Filandón, para ofrecer unha mostra ben representativa do que é este festival e da música tradicional do Courel e das terras limítrofes», sinala. Para levar a cabo este proxecto, os seus promotores esperan contar co apoio das consellerías de Cultura e Medio Rural. A iniciativa xa conta con precedentes, xa que en anos pasados apareceron dous discos, acompañados de senllos libros, que baixo o título Músicas do Caurel , recolleron as voces e as melodías dunha boa parte dos músicos populares que participaron nas primeiras edicións do festival. Nos seus inicios, o Filandón celebrouse xunto ao acampamento de Esperante. Nos últimos anos, o escenario mudou para o lugar de Ferrería Vella, xunto á antiga fundición restaurada. No festival participaron decenas de músicos e cantores non profesionais da Serra do Courel e dos municipios limítrofes, moitos deles de idade avanzada. Algúns destes intérpretes conservan tradicións pouco coñecidas no resto de Galicia, como é o caso dos cantares improvisados coñecidos como brindos.