«Nestas eleccións o BNG vai a por todas en Chantada»

Carlos Cortés
Carlos Cortés CHANTADA

LEMOS

Entrevista | Alfonso Piñeiro

17 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Alfonso Piñeiro enfróntase por primeira vez a unha campaña electoral como cabeza de lista. A misión deste enfermeiro de 46 anos, casado e con tres fillos, é que o BNG recupere na corporación de Chantada o peso que perdeu nas eleccións de hai catro anos, ás que chegou lastrado por unha traumática escisión. Piñeiro está convencido de que esta vez en Chantada toca cambio. -Son as súas primeiras eleccións como cabeza de lista. ¿Fáiselle máis difícil do que pensaba ou non? -Non, creo que estamos facendo unha campaña bastante boa. En todo caso, supoño que ao cabo dos quince días se terá que notar o cansazo. Pero paga a pena, porque esta vez as eleccións van traer o cambio. -¿Está convencido? -Estamos abraiados pola cantidade de apoio que estamos a recibir. Aos nosos actos de campaña veu moita xente. Notamos moita receptividade, na vila e tamén nas parroquias. -Para que haxa un cambio, o PP ten que perder a maioría absoluta, pero ademais vostedes e o PSOE téñense que poñer de acordo. -Hai catro anos en Monforte todo o mundo se preguntaba a quen ía apoiar o BNG, e resulta que agora está gobernando. Nós imos a por todas nestas eleccións. Unha vez que falen as urnas xa se verá quen necesita ser apoiado e quen ten que ofrecer o apoio. -¿Pero non hai demasiada tensión entre vostedes e o PSOE? -É unha percepción equivocada. Se dá a impresión de haber tensións será porque nunha campaña electoral sempre as hai. -E a situación interna no BNG local, ¿está tranquila por fin? -Estamos moi tranquilos desde o ano 2003 [cando se consumou a escisión dos que logo se presentaron ás eleccións como independentes e agora están integrados no PSOE]. Todo se fai falando e con consenso. Discutimos o que faga falta, pero sempre coa intención de finalmente chegar a un acordo. -¿Con que resultado se darían por satisfeitos? -Aspiramos a todo. E sabemos que non está nada feito, nin para nós nin para o PP nin para o PSOE. Nós presentamos a candidatura que mellor representa a toda Chantada, con xente comprometida, traballadora, solidaria e de todos os sectores. -¿Que sería o primeiro que habería que facer desde o Concello se hai cambio de alcalde? -O futuro está nos mozos. Témonos que poñer a traballar para que a xente nova poida vivir, desfrutar e traballar en Chantada. Hai que mirar as contas para ver de que realidade partimos, aínda que xa sabemos que é un pouco escura. Non concebimos a democracia sen participación cidadán, a democracia ten que ser participativa. Hai que abrir o concello aos cidadáns, mediante un regulamento que facilite que todos os veciños poida participar da vida democrática.