TRIBUNA | O |

09 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CADA vez que asoma pola liña do ceo o culebrón dunhas eleccións agroman lugares comúns que sempre están na mente de todos pero que ninguén quere mentar, ou se fai de esguello, para non queimar argumentos preelectorais. Os empregados na Deputación de Ourense e a filiación dos contratados son xa un clásico nestas lides. Baltar é un cacique con solera que sabe que a precariedad laboral xenera votos e que mentras haxa persoas dependentes, dun posto de traballo, existirá unha boa lexión de papeletas que vendimar. Os famosos 300 empregados do PP na Deputación son xa un clásico: pasouse a cinta no 99, repúxose no 2003 e no 2007 asistimos á versión dixital remasterizada. Con todo, o que resulta máis asombroso é a actitude dos novos gobernantes autonómicos. Fartos de denunciar por activa e por pasiva os continuos abusos e actos presuntamente delictivos en materia de adxudicacións, contratacións, postos de traballo a dedo e concursos a medida para a contratación temporal feitos polo PP agora van e danlle eles a bendición. O departamento de Méndez Romeu anunciaba recentemente a convocatoria de oposicións ou concursos restrinxidos para os traballadores temporais que están na Xunta desde antes de 2005. Co pretexto de reducir a eventualidade do personal das consellerías e outros organismos o PSOE e o BNG van consolidar de por vida as cacicadas, inxustizas, ilegalidades e chourizadas varias cometidas polos dirixentes do PP para manter a conta de todos nós a familiares, parentes, amigos, amantes, socios en negocios de escura procedencia e outros menesteres.