Dependencia do mosteiro de Samos e morada dun conde que se fixo anacoreta

La Voz

LEMOS

08 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? feito de ter albergado durante séculos un priorado do poderoso mosteiro de Samos confire por si mesmo un elevado interese histórico á reitoral de Santa María do Mao. Pero a importancia do lugar non se limita a isto. O edificio forma un conxunto monumental coa veciña igrexa parroquial, que é ao mesmo tempo o santuario de San Eufrasio e que foi durante moito tempo un importante centro de peregrinación local vinculado ao Camiño de Santiago. A igrexa alberga a suposta tumba de san Eufrasio, un personaxe lexendario relacionado estreitamente coa tradición xacobea. Segundo esta tradición, Eufrasio foi un dos discípulos de Santiago que trouxeron a Galicia o corpo do apóstolo. Foi tamén un dos sete varóns apostólicos que evanxelizaron o sur da Península. Non obstante, a realidade histórica deste personaxe é máis que dubidosa e foi posta en cuestión incluso por historiadores eclesiásticos xa hai moito tempo. Segundo a lenda, o seu corpo foi trasladado desde Andújar (Xaén) en tempos da invasión musulmá. A súa presunta sepultura en Val do Mao é venerada desde o século XVI. O lugar, por outro lado, foi escollido polo oitavo conde de Lemos, Francisco Ruiz de Castro, para levar vida eremítica cando decidiu abandonar o goberno das súas posesións e facerse monxe. O conde viviu nesta zona como anacoreta durante un tempo en compañía do frade Anselmo Vidal.