Turismo insiste en que o albergue do Courel debe reducir as prazas para poder abrir

La Voz LA VOZ | QUIROGA

LEMOS

? Consellería de Industria desbotou a posibilidade de que o albergue turístico de Folgoso do Courel poida entrar en servizo coas cincuenta prazas que ten na actualidade. Para que a hospedaxe obteña permiso de apertura -indican fontes do mencionado departamento-, é preciso reducir a 39 o número de liteiras, tal como se lle comunicou inicialmente ao Concello. O parecer expresado polos os responsables de Industria supón un rechazo ás pretensións do goberno local, que intentou negociar coa consellería unha solución que permitise abrir o albergue sen ter que reducir as prazas de hospedaxe. «A Dirección Xeral de Turismo xa informou no seu momento que esas instalacións non se axustan á normativa vixente no que respecta á proporción entre o número de prazas e a superficie do local», sinalan desde a consellería. «Con toda a boa vontade, xa se ofreceu a posibilidade de conceder permiso de apertura se as prazas se reducen a 39, que é a máxima flexibilidade que se pode aplicar neste caso», engaden estas fontes. O albergue municipal, habilitado na antiga casa consistorial de Folgoso, está terminado desde o pasado verán, pero aínda non puido entrar en funcionamento debido á falta dos permisos administrativos necesarios. O goberno local alega que o establecemento xa foi inspeccionado durante a súa construción por técnicos de Turismo, sen que estes indicasen que había un exceso de prazas. O Concello recibiu entón unha ficha de avaliación na que o local era considerado apto para prestar servizo púbico.