«A escola é a que coordina, a formación é en toda Galicia»

Maica Rodríguez MONFORTE

LEMOS

Entrevista | Abel Yáñez Armesto O centro agrícola monfortino dirixirá os case 200 cursos contra incendios que se impartirán este ano para 5.000 integrantes das brigadas contraincendios forestais

10 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Abel Yáñez Armesto é o diretor do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte. Ademais, na actualidade é o encargado de coordinar os cursos das brigadas forestais da Xunta. -¿Cando comezarán os cursos para as brigadas forestais? -Os cursos queremos que se fagan entre abril e maio, a xente terá que mandar a súa solicitude en febreiro. Non sabemos cando comezará o prazo, probablemente a semana que ven se abrirá o prazo se Telefónica nos pode poñer unha liña de fax. A data de peche das solicitudes será o 28 de febreiro. -¿Cantas persoas estarían interesadas nestes cursos? -Case unhas cinco mil persoas, a proposta dos cursos é de 4.700 porque hai que contar o persoal que xa está traballando, e o que vai traballar, os que acceden por primeira vez a un posto. Estes 4.700 non van pasar todos por Monforte. Aquí, a escola e a que coordina, a formación é por toda Galicia, por exmplo nos institutos con formación forestal e nas escolas do medio rural, pero coordínase desde aquí, e a formación más específica é en Monforte, como a dos xefes de cuadrillas, enxeñeiros, ou técnicos e forestais. -¿Que presuposto ten a Xunta para estes cursos? -Uns 700.000 euros. -Coñécese o número de interesados que hebería para os cursos de Monforte -Para xefes uns 450, do resto non sei canta xente haberá, non o teño calculado. Os interesados acudirán en función da proximidade. Por exemplo en Arzúa hai un IES de formación forestal, e nós, acolleríamos o sur de Ourense e Lugo, pero non sei canta xente. Persoal propio da casa, digamos, hai unhas 550 persoas. -En Monforte, ¿quen impartirá os cursos, mestres do centro, ou persoal de fóra? -Contrátanse de fóra. Eu son o único con formación forestal, ao mellor dou algún módulo, pero vaise contratar persoal especializado. Nos outros centros, nos que haxa profesores que se dedican a esta formación, darán os cursos. -¿Cantos cursos se van impartir? -Están previstos 190 cursos en Galicia. En Monforte, 23 para xefes de cuadrilla, do resto, hai unha variedade enorme. -¿De cantas horas serán os cursos? -Desde 16 ata 30 horas, tres días ou unha semana. Depende da especialidade, ou se ten experiencia ou non, porque a alguén con experiencia non ten sentido meterlle oitos horas de prácticas no monte co material.