O viño, ese perigo público

LEMOS

TRIBUNA | O |

31 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CORRE O ano 2008. É tempo de outono e de vendima. Nun lugar indeterminado da Ribeira Sacra, un grupo de veciños traballa afanosamente na recollida das uvas. Por unha estrada que pasa ao pé dos viñedos aparece unha furgoneta, que se detén repentinamente cerca dos vendimadores. Do vehículo, en cuxo lateral pode lerse «Ministerio de Sanidad y Consumo», baixa un grupo de gardas fortemente armados. O xefe do grupo diríxese aos paisanos con voz tronante. -¿Que están facendo aí? -Pois estamos de vendima, ¿non o ve? -responden os interpelados. -O que están facendo é incitar á xuventude a praticar o botellón. Están recollendo uvas á vista de todo o mundo. As uvas son para facer viño. Calquera rapaz que os vexa recoller uvas pensará de seguida no viño, no alcohol, na borracheira, e sentirase irresistiblemente impelido a beber nunha praza pública ata altas horas da madrugada, a escachar botellas, a vomitar e a envorcar contedores de lixo. Están animando aos pobres rapaces a arruinar a saúde e a causar desordes públicas. ¿Non lles dá vergonza, inconscientes? Os amedrentados vendimadores ollan con receo para os gardas ministeriais, que empuñan con firmeza as súas armas. O xefe dos gardas continúa o seu discurso aleccionador. -A partir de agora iso que están facendo é ilegal. Para realizar esas perigosas actividades teñen que rodear todo o viñedo dunha lona opaca de suficiente tamaño que os aílle da vista do público. O ministerio xa non se conforma con prohibir a venda de viño nas tendas a partir das dez da noite nin con restrinxir a publicidade. A saúde dos cidadáns esixe maiores esforzos. ¡Xa están avisados! Os gardas montan de novo no furgoneta, arrancan e desaparecen no horizonte. Os vendimadores quédanse mirando con cara de preocupación.