En directo | Enerxías alternativas A asociación que agrupa aos pequenos produtores fotovoltaicos de Galicia asinou un acordo cun colectivo análogo de Castela-León para defender intereses comúns
30 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.PACTO ENERXÉTICO. Jesús Díaz, á dereita, con representantes dos pequenos produtores fotovoltaicos de Castela-León ? Asociación Galega de Produtores de Enerxía Fotovoltaica asinou onte en Monforte un acordo de colaboración co colectivo de produtores deste sector de Castela-León, unha iniciativa que pretende servir de base a unha futura federación que agrupe a produtores de diversas comunidades. O presidente de asociación galega, Jesús Díaz Gómez, firmou o convenio xunto con Félix Martínez, Juan García Abedillo e Raúl López, respectivamente presidente, secretario e vocal da entidade castelá-leonesa. Jesús Díaz sinalou que unha das primeiras iniciativas de ambos colectivos consistirá en contratar a un gabinete de avogados especializaos en cuestións enerxéticas. Con esta medida, os produtores intentarán facer fronte aos planos de reforma do sistema de cobro que, segundo explican, pretende levar a cabo o Goberno central. «Ata agora, a lexislación establece que os pequenos produtores debemos cobrar por quilovatio o 575% do que cobran as empresas eléctricas aos consumidores pola mesma cantidade de enerxía», explicou. «Pero agora están estudando un novo sistema de cobro desligado da tarifa reguladora, o que nos prexudicará seriamente, e pensamos iniciar accións para opoñernos a esa posible medida», engadiu. Os produtores de Castela-León, por outro lado, manifestaron a súa solidariedade cos de Galicia. Segundo explica Díaz Gómez, «a eles chámalles moito a atención a situación en que nos encontramos aquí, cunha Consellería de Industria que nos ofrece subvencións a fondo perdido para colocar instalacións de enerxía solar e unha Consellería de Política Territorial que non nos quere conceder os permisos necesarios para esas instalacións. Alí teñen problemas burocráticos doutro carácter». O presidente da asociación galega, por outro lado, lamentou o retraso que ao seu xuízo está padecendo en Galicia a implantación da enerxía fotovoltaica, a diferencia do que sucede noutras comunidades. «Hai algún tempo, o Goberno central contaba con que no ano 2010 houbese 400 megavatios deste tipo de produción enerxética instalados en toda España, e a día de hoxe xa hai sobre 12.000 megevatios. En Galicia podíamos ter hoxe cerca de trinta megavatios se non fose polos atrancos que nos está poñendo a Xunta, pero todo o que temos instalado debe andar polo medio megavatio», comentou.