A cita | Divulgación das novas tecnoloxías O instituto A Pinguela organizará a primeira iniciativa que se leva a cabo no sur lucense para difundir os sistemas informáticos de acceso non limitado
27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O instituto A Pinguela acollerá os días 1 e 2 de febreiro as primeiras xornadas sobre o software libre que se celebran no sur lucense, organizadas polo departamento de informática do centro coa colaboración do Concello. As actividades estarán abertas a todas as persoas interesadas. A denominación software libre aplícase aos sistemas informáticos que poden ser utilizados, copiados ou modificados libremente, sen obter licenzas nin pagar taxas. A diferenza dos programas comerciais non libres -como é o caso de Windows-, no software libre é posible acceder ao chamado código fonte, o que permite modificar os programas para determinados usos ou engadirlle todas as melloras que se consideren convenientes. As actividades das dúas xornadas comezarán ás once da mañá. Na primeira xornada, as charlas serán impartidas por Jesús Arribi Vila, técnico do Centro de Supercomputación de Galicia, quen presentará unha introdución ao software libre e falará sobre o portal web Mancomun.org, creado pola Xunta de Galicia para favorecer a difusión deste tipo de sistemas. As actividades deste primeiro día complementaranse, a partir das doce do mediodía, cun obradoiro de práticas de software libre. Na segunda xornada tomarán parte como poñentes Juan Antonio Añel Cabanelas, Orlando García Feal e Pablo Vázquez Caderno, membros do asociación Gulo ou Grupo de Usuarios de Linux de Ourense. Linux é o nome do sistema operativo de libre acceso máis difundido do mundo, creado inicialmente a comezos da pasada década polo informático finlandés Linus Torvalds e desenvolvido despois coa axuda de voluntarios e expertos de todo o mundo. As charlas previstas para esta xornada levarán os títulos Sistemas operativos libres , O que fago en Windows fágoo en GNU/Linux e Seguridade en GNU/Linux . A denominación GNU/Linux refírese a un sistema operativo que combina utilidades de Linux e outras que foron desenvolvidadas pola Free Sofware Foundation ou Fundación polo Software Libre, unha organización internacional sen ánimo de lucro que ten por obxectivo a creación e difusión de sistemas de libre acceso.