Os socialistas din que o local non tivo uso desde que se construíu Julio Álvarez afirma que as instalacións xa albergaron numerosos cans recollidos na rúa
17 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? PSOE de Quiroga esixiu ao goberno local unha explicación sobre o «abandono» que ao seu xuízo padece o centro de acollida de animais creado polo Concello, afirmando que ata agora «só serviu para enterrar uns miles de euros máis en algo innecesario, inútil e inservible». Os socialistas afirman que o centro, ubicado en terreos do polígono industrial, non se utilizou para ningunha das finalidades que anunciou no seu día o alcalde, Julio Álvarez. «Hai máis de tres anos que se construíron as instalacións e nin cans nin gatos, nin animais salvaxes convalecentes, nin estudantes de veterinaria en práticas», sinalan. En opinión do PSOE quirogués, o proxecto é «unha fabula descabelada adxudicada a dedo en datas preelectorais e cuxa rendibilidade social a día de hoxe é cero». O alcalde, engaden os representantes desta formación, «foi incapaz de explicar con aceptable claridade o servizo que se pretendía prestar desde este centro» nunhas declaracións que fixo a este respecto na televisión municipal. Pola súa parte, o alcalde asegura que, en contra do que afirman os socialistas, o centro está servindo efectivamente para a recuperación de animais abandonados. «Neste momento preciso non hai ningún animal no centro, pero desde que se puxo en marcha xa foi utilizado para acoller cerca dunha trintena de cans recollidos na rúa, que foron dados en adopción a veciños de Quiroga e Ribas do Sil», explica. Álvarez precisou que un traballador do Concello se encarga de atender a instalación e de buscar xente que adopte os animais abandonados. Fauna salvaxe Polo que respecta á utilización do centro para acoller animais salvaxes feridos ou enfermos -unha posibilidade que se apuntou cando foi construído o local-, o alcalde afirma que o actual goberno autonómico non respondeu ao ofrecemento que lle fixo o Concello neste sentido xa antes das eleccións do 2005. «Nós xa lle comunicamos á Xunta no seu día a nosa disposición a que o centro fose utilizado para esta fin, pero polo momento non tivemos ningunha resposta», afirma. En canto á posible colaboración coa Facultade de Veterinaria, o alcalde sinala que esta institución non respondeu de momento ao convite que se lle fixo hai un ano desde o Concello para que os seus estudantes realizasen práticas no centro de acollida.