«Traballamos para ver cal é a mellor solución para o consorcio do casco vello»

La Voz

LEMOS

No casco histórico de Lugo e na súa zona de influencia, falar de proxectos urbanísticos é falar de escavacións arqueolóxicas. Tampouco se librará delas a transformación do antigo cuartel de San Fernando no auditorio de Lugo. «Hai que escavalo como calquera outro solar do mesmo contexto», asegura Felipe Arias, que no polémico informe no que pediu a paralización dos trámites para a construción do auditorio xa adiantou que será necesario efectuar escavación en área. Á marxe do citado asunto, os construtores lucenses reclaman dende hai anos medidas que eviten que recaia sobre eles o peso das escavacións e as consecuencias de dar con restos arqueolóxicos. Dende hai algún tempo, Xunta, Concello e empresarios tentan poñer en marcha o consorcio do casco histórico. -En que momento está a creación deste organismo? -Queremos que sexa a tres bandas como mínimo: Concello, empresarios da construción e Consellería de Cultura. En todo caso, este ano, tal como está previsto nos orzamentos, sacarase unha orde de axudas para colaborar no financiamento das escavacións arqueolóxicas que fagan empresas privadas e particulares; como axuda, que é o que marca a Lei de Patrimonio Cultural, que di que a Administración colaborará, non financiará. Para o consorcio tivemos conversas co Concello de Lugo, temos modelos de Mérida e doutras cidades e estamos traballando para ver cal é a mellor solución. Canto antes se teña mellor. -Cal será a próxima intervención na Muralla? -Temos adiantado o proxecto para a parte traseira do Círculo das Artes. Trátase de que o Círculo se encargue da recuperación da fachada da súa sede e nós interviremos para deixar libre a Muralla do engadido que no seu día se lle fixo ao edificio.