Os proxectos eternos do Courel

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LEMOS

Reportaxe | Iniciativas pendentes de realización A construción da estación biolóxica e a apertura ao público da ferrería de Seoane cumprirán no 2007, respectivamente, seis e oito anos de espera

05 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

APERTURAS CONTADAS. La ferrería de Seoane sólo abrió al público durante tres días en los últimos ocho años, siempre en coincidencia con la fiesta musical del Filandón ?ous importantes proxectos de desenvolvemento científico e turístico na Serra do Courel cumprirán no 2007, respectivamente, oito e seis anos desde o seu inicio sen que ata agora chegasen a plasmarse. O primeiro caso é o da antiga ferrería de Seoane, que foi restaurada pola Dirección Xeral de Turismo en 1999 e desde entón non foi aberta ao público. O segundo, o da estación biolóxica de Seoane, que non puido ser construída desde que, en febreiro do 2001, a Universidade de Santiago e a Asociación Río Lor asinaron un convenio para a súa creación. Dos dous proxectos, o que parece estar hoxe máis perto da súa finalización é o máis novo. Para que poida comezar a construción deste centro científico só falta saber se o Ministerio de Educación y Ciencia concederá unha subvención de aproximadamente 700.000 euros que lle foi solicitada hai varios meses pola Universidade de Santiago, promotora da iniciativa. A Consellería de Medio Ambiente xa anunciou hai tempo que outorgaría a este proxecto unha subvención de 300.000 euros, co que se completarían os fondos necesarios para construír as instalacións. A resposta do Goberno central a esta solicitude coñecerase en breve prazo -moi posiblemente antes de mediados deste mes- e os responsables do proxecto móstranse optimistas en canto á posibilidade de conseguir esta axuda económica. «Se o ministerio decide achegar os fondos que faltan, as obras poderían comezar dentro de moi pouco tempo», explica o catedrático Javier Guitián, un dos coordinadores do proxecto científico. Desde o 2003 A estación biolóxica do Courel, de todas maneiras, comezará a traballar cun notorio retraso se finalmente é posible empezar a construila este ano. Segundo as previsións que se manexaban inicialmente, o centro xa debía ter comezado a desenvolver as súas actividades no 2003. O proxecto tivo que aprazarse, por unha parte, debido a que a Asociación Río Lor, por motivos de índole burocrática, non puido achegar os fondos con que tiña previsto contribuír nun principio. Este problema de financiamento prolongouse ata a actualidade e estivo a punto de frustrar definitivamente a construcción do estación científica. A isto engadiuse a aprobación da nova Lei do Solo, que obrigou a revisar o proxecto inicial do edificio para adaptalo á normativa legal. A estación debería ser a primeira de Galicia que se dedicase a investigación biolóxica dos ecosistemas de montaña. A Universidade de Santiago prevé que poida ser utilizada por científicos doutras universidades galegas e incluso por investigadores doutras comunidades autonómas e do estranxeiro.