Non é sen tempo

LEMOS

TRIBUNA | O |

12 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HORAS ERAN de que un dos produtos galegos por antonomasia -a castaña- tivese o trato que merece. Parece que por fin vai ter a súa propia denominación de orixe ou como se diría tecnicamente, «Indicación Xeográfica Protexida». Creo que poucas imaxes se asocian a Galicia na forma en que o ver un ourizo a medio abrir cun par de castañas dentro. E digo que horas eran porque non entendo como é que non obtivo esa denominación moito antes. E non só polos beneficios que vai ter para produtores, transformadores, envasadores... Dígoo sobre todo pola cantidade de beneficios que pode traer sobre a nosa terra, sobre os nosos soutos, e espero que tamen sobre moitos pobos nos que -a verdade- agora hai que botarlle un par de narices para vivir. Se a castaña se vende a un prezo razoable e máis ou menos regulado, a xente coidará dos soutos. Estes, coidados, non arden tan facilmente como agora, cheos de silvas, fentos e toxos. Como é evidente, ese traballo terá que facelo alguén, e se a ese alguén lle resulta rendible vivir dos seus castiñeiros igual ata decide a vivir cerca deles, co que ademais se fixa a poboación no rural, porque nas zonas urbanas, castiñeiros moitos non é que haxa. Iso sen falar de facer publicidade. Pucas maneiras mellores hai de facelo que conseguir que os nosos produtos leven o nome de Galicia aló onde cheguen. Todo isto grazas simplemente a unha denominación de orixe para un produco que ata de agora deixaba a metade dos seus beneficios no chan onde caía e que ninguén apañaba. Recordo cando, non hai tantos anos, eran catro os que daban un peso polas ribeiras da nosa zona. Agora, en cambio, xa case non quedan zonas donde plantar máis viñedo. Paseas pola zona de Amandi -por poñer un exemplo- e ves carteis e máis carteis de adegas. ¿Por que non pode pasar o mesmo coa castaña no Courel?