Chantada, «coração da Galiza»

La Voz C.T. | CHANTADA

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Reportaxe | Unha singular iniciativa cultural A asociación chantadina Rodrigues Lapa reivindica o parentesco entre os idiomas galego e portugués organizando un curso gratuíto de iniciación á lingua de Camões

02 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O prestixioso filólogo Manuel Rodrigues Lapa presentábase a si mesmo como un «galego de Anadia». A súa vila natal, Anadia, é unha localidade próxima a Coimbra. Lapa defendeu sempre que a un lado e outro do Miño a lingua é a mesma, pero repartida entre dous estados. Cando se cumpren cento dez anos do seu nacemento, río arriba, en Chantada, un colectivo recolle o seu nome -e as súas teses- para traballar polo recoñecemento e divulgación da unidade lingüística e cultural entre Galicia e Portugal. E o primeiro que planearon dende a asociación Rodrigues Lapa foi organizar un curso de iniciación ao portugués. «En realidade son clases de galego avanzado , xa que entendemos que portugués e galego son a mesma lingua», afirman. Esta idea é compartida por todos os membros do colectivo, pero tócalle contalo a Afonso Fernandes -así quere ser chamado-, un gandeiro de 27 anos que vive en Cartelos, (Carballedo), estuda ciencias políticas e emprega na súa fala habitual formas máis comúns no portugués. Afonso recorda como se convenceu de que ambas linguas son unha soa: «Estaba nun festival en Lisboa e coñecín a un angolano co que me foi máis sinxelo comunicarme que cos propios lisboetas, que por certo non falan moi ben o seu idioma». A anécdota serviulle ademais para valorar o peso internacional dunha lingua falada por douscentos millóns de persoas. Dende o colectivo chantadino queren divulgar e fortalecer esa riqueza cultural e o curso de portugués é o primeiro paso. Onte á tarde, no edificio dos sindicatos de Chantada, celebrouse a primeira lección, practicamente unha toma de contacto. De momento hai máis de dez inscritos -sobre todo inscritas-, a matrícula segue aberta e é gratuíta. Manuel Meixide, outro membro do colectivo, aclara que é simplemente un curso de lingua «sen pretensións reivindicativas nin contido político, tan só cun interese polo galego-portugués, que é a forma máis apropiada de referirse a eles, porque son un único idioma». Na súa opinión, os vínculos culturais co país veciño non son ben coñecidos e prevé «sorpresas gratas» entre os asistentes ao curso pola semellanza entre os idiomas. Meixide ensina francés nun instituto de Cambeo e rexeita a idea de que a distancia física cause un maior descoñecemento destes vínculos entre os galegos do interior: «Estar máis lonxe da raia non implica distancia cultural. Ao contrario, aqui conservamos mellor o idioma, polo que a proximidade é mais fonda que por exemplo en Vigo, onde o castelán está máis implantado», afirma. O curso durará uns meses, cunha lección semanal de dúas horas. Pero o colectivo tamén pensa organizar charlas, exposicións, encontros e outras iniciativas.