TRIBUNA | O |

01 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A AUTOVÍA de Ponferrada naceu dunha promesa de José Blanco nun mitin previo ás eleccións xerais de hai dous anos. Faltaban uns días para que o 11-M puxese patas arriba aquela campaña e os ánimos dos votantes, así que hai quen sospeita que cando Blanco anunciou que habería autovía non pensaba realmente que Zapatero ía gobernar e que a el lle tocaría dar contas daquela promesa. Pero pasou o que pasou, e o certo é que hoxe parece evidente que os que tiñamos dúbidas sobre o alcance da memoria de Blanco estábamos equivocados. O proxecto da autovía a Ponferrada avanza, e a unha velocidade considerable. Dá a impresión de que o Ministerio de Fomento está especialmente interesado nel, a pesar de que non era unha das obras que o Goberno Aznar puxo no Plan Galicia. Ou quizais precisamente por iso vai tan rápido. Porque se as autovías teñen pais políticos que poden presumir delas nas campañas electorais, o certo é que esta non vai ter máis proxenitor que o PSOE. Así que en Monforte esta autovía ten todos os boletos para se converter nun argumento central da precampaña das eleccións municipais. Pero curiosamente van ser os candidatos do PP os que máis falen dela. Para desgraza do PSOE, a definición do trazado definitivo non vai estar ata o verán, así que nas eleccións de maio aínda se poderá dubidar se a autovía vai vir por Monforte ou por Castro Caldelas. A pesar da presión destes días, no PSOE non agardan un pronunciamento formal da executiva galega a favor dun ou doutro trazado, a pesar de que ninguén no partido se imaxina que Fomento pense sequera en cometer a excentricidade de facela pasar por Trives ou San Xoán de Río. «Isto pásanos por apurar tanto en vez de agardar a que pasasen as municipais», dicía esta semana medio en broma e medio en serio un dirixente provincial socialista.