A primeira proposta para protexer o xacemento megalítico foi realizada en 1997 A zona protexida abranxerá terreos dos municipios de Sarria, Samos e O Incio
21 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ABANDONO. A maleza cubre as mámoas de Santa Mariña, algunhas das cales conservan restos das esvacacións feitas nos anos noventa ? Consello da Xunta ten previsto aprobar mañá a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da necrópole do monte de Santa Mariña, un dos máis importantes conxuntos megalíticos de Galicia, repartido entre os municipios de Samos, Sarria e O Incio. A adopción desta figura legal de protección plásmase más de nove anos despois de que fose proposta por primeira vez, en febreiro de 1997. Foi por esas datas cando Gonzalo Meijide, arqueólogo da delegación provincial de Cultura, elaborou un informe para propoñer que lle fose concedida a categoría de BIC a este importante xacemento prehistórico. Anos despois, no 2000, os alcaldes do Incio e de Samos dixiron unha petición á Xunta para que fixese efectiva a declaración. O expediente foi finalmente incoado pouco antes das últimas eleccións autonómicas, en maio do 2005. A área de protección da necrópole ocupará unha ampla superficie -a Xunta non especificou aínda a extensión exacta- distribuída entre as parroquias de San Martiño de Loureiro (Sarria), Santa Cristina do Viso (O Incio) e Santiago de Formigueiros (Samos). Todos estes terreos son de carácter comunal e neles non hai núcleos de poboación. Na zona predomina a vexetación de monte baixo e só na aba meridional do monte, fóra da área dos túmulos, hai algunhas explotacións agrícolas. Escavacións O conxunto arqueolóxico comprende, ademais de numerosas mámoas ou túmulos funerarios, algúns petroglifos. A investigación máis importante realizada neste xacemento foi levada a cabo en 1993, dentro do proxecto arqueolóxico Val do Sarria-Val do Mao, e consistiu en pequenas escavacións feitas en tres mámoas. Os responsables deste proxecto propuxeran tamén crear un parque arqueolóxico que comprendería a necrópole do monte de Santa Mariña e o importante castro de Formigueiros, situado nas súas proximidades. Este castro foi parcialmente acondicionado o pasado verán polos integrantes dun campo de traballo promovido pola Xunta. O goberno autonómico suxeriu a posibilidade de realizar tamén operacións de rehabilitación na necróple megalítica.