Tradicións | Unha obra recompilatoria Menos dunha ducia de publicacións son as dedicadas en exclusiva ao traxe tradicional, pese a súa importancia na nosa cultura. A Clodio González débese a última incorporación
20 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.MULLER DE LUGO. No ano 1874 a publicación «Las mujeres españolas, portuguesas y americanas» xa recollía un traxe lucense Lugo é unha das cidades nas que dende hai bastante tempo se lle fai un recoñecemento ao traxe tradicional galego, ao que se lle dedica unha das xornadas festivas durante as festas do San Froilán. A Asociación Cultural María Castaña, da cidade, e a Asociación do Traxe Galego, de Santiago, manteñen intercambios periodicamente e durante as festas celebran un desfile diante do Concello no que mostran a vestimenta propia de cada comarca e as funcións nas que se usaban. Pese a que os traxes constitúen unha parte moi importante da cultura de Galicia, pola súa longa historia e pola variedade, non abondan os estudos e publicacións específicos, xa que non chegan a unha ducia os libros dedicados soamente ao traxe galego. A última incorporación a esta curta lista foi a Historia do traxe galego , de Clodio González Pérez, que viu a luz na segunda metade do ano pasado dentro da colección Andel, da Consellería de Cultura. Case todos clásicos Salvo algunha rara excepción, como un publicado hai dous anos en Ourense sobre a parte suroriental da provincia, ou outro que editou Ir Indo no 1992, os libros máis recentes referidos especificamente a esta materia saíron hai máis de vinte anos, e nas bibliografías, como a utilizada polo propio Clodio González, son frecuentes publicacións das primeiras décadas do século pasado ou das últimas do XIX. Dos recentes , hai que mencionar tamén o de Antón Fraguas editado pola Fundación Barrié de la Maza en 1985. Desta escasede de textos dedicados exclusivamente ao traxe galego dá conta tamén no limiar do libro Francisco Collantes, da Asociación do Traxe Galego. Sinala que poden existir moitas razóns para esta seca, motivo polo que considera que hai que acoller cunha especial ledicia ós que se editan. Collantes destaca o repaso pola historia do traxe tradicional e os motivos da súa configuración que ofrece Clodio González no libro, pero tamén aprecia que a obra inclúa unha coidada selección de imaxes e gravados que ilustran as explicacións, e tamén lendas que teñen a súa orixe en distintas épocas. A importancia do traxe como medio de pervivencia da identidade e da cultura galega tamén é destacada polo presidente da Xunta e pola conselleira de Cultura nas súas respectivas introducións á obra. Pérez Touriño alude aos numerosos intelectuais que ao longo da historia destacaron a importancia da vestimenta tradicional e da necesidade da súa conservación, citando ao boticario pontevedrés Perfecto Feijoo como un dos que máis destacaron.