O Concello do Courel incorporarase ao plano Sogama para eliminar os vertedoiros de lixo

La Voz LA VOZ | QUIROGA

LEMOS

CARLOS RUEDA

? Concello do Courel recibiu un proxecto elaborado pola Consellería de Medio Ambiente para clausurar e selar os vertedoiros de lixo existentes no municipio, que será o último da zona sur lucense en incorporarse ao plano Sogama. No Courel existen actualmente dous vertedoiros legais, un dos cales -situado en Traspando, preto de Folgoso- non se utiliza desde hai anos. O que continúa activo está en Mogoxe, nas proximidades de Seoane, nun lugar de marcado interese natural e arqueolóxico. O alcalde, José López Fontal, sinala que a desaparición dos vertedoiros locais obrigará ao Concello a trasladar periodicamente os residuos a Monforte ou á Rúa. «Isto vai supoñer un esforzo importante, pero pensamos que vale a pena», di. A existencia do vertedoiro de Mogoxoe xa foi criticada en repetidas ocasións polos representantes locais do BNG, que presentaron varias propostas no Concello para pedir a súa eliminación. Os responsables municipais aínda non saben con exactitude cando se executará este plano, pero esperan que a supresión dos vertedoiros se leve a cabo nun prazo breve. Por outro lado, a corporación celebrou o mércores un pleno extraordinario coa principal finalidade de aprobar unha modificación de créditos para contribuir á adquisición dun vehículo todoterreo para a agrupación local de Protección Civil -creada o pasado verán- que será financiada na súa maior parte pola Consellería de Presidencia. O Concello deberá achegar en torno a 4.000 euros, un 15% do custo total. O goberno local espera este vehículo estea disponible nun prazo aproximado de dúas semanas. Así mesmo, o Concello ten previsto asinar este ano un convenio coa Xunta que permitirá adquirir un novo camión con motobomba para extinción de incendios. O custo deste eqipamento aínda non está determinado, xa que os responsables municipais non decidiron o modelo de vehículo que se escollerá. «Queremos ter unha boa dotación e se é, posible, intentaremos adquirir un camión provisto de escaleiras», sinala o alcalde a respecto. O municipio xa dispón desde hai tempo dun camión con motobomba dun tipo máis sinxelo. Ao Concello corresponderalle achegar sobre un 25% do custo do novo camión.