Reportaxe | Arquitectura e rehabilitación do patrimonio As obras realizadas no conxunto de muíños do arroio Xabrega e no embarcadoiro dos Chancís foron distinguidas polo Colexio de Arquitectos de Galicia
10 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?úas obras realizadas polos obradoiros de emprego do Concello de Sober acaban de recibir unha distinción pouco frecuente no sur lucense. O Colexio de Arquitectos de Galicia outorgou un dos seus premios anuais -destinado a intervencións en espazos públicos- a unha obra realizada dentro do proxecto de rehabilitación do conxunto de muíños do arroio Xabrega e a un centro turístico construído xunto ao embarcadoiro de catamaráns dos Chancís. Ambas obras foron deseñadas polo arquitecto sarriao Antonio Taboada López, director dos obradoiros soberinos, e foron distinguidas como exemplos de adecuación ao entorno natural e tradicional da zona. A construción realizada xunto ao arroio Xabrega levantouse sobre as ruínas dun muíño do que só quedaban en pé as bases dos muros, de medio metro de altura. Sobre estes restos armouse unha estrutura que permitiu construír un volume en forma de voadizo, de metal e madeira, de seis metros de longo. A pequena construción, encristalada para poder contemplar o entorno desde o seu interior, servirá como centro de interpretación etnográfica e albergará maquetas e paneis explicativos sobre os numerosos muíños tradicionais existentes ao longo deste arroio, unha parte dos cales foron restaurados tamén polo obradoiro de emprego. A edificación pode iluminarse cun xenerador eléctrico accionado polas augas do arroio. O edificio dos Chancís, que servirá como centro turístico, foi construído con materiais similares e segue unha estética semellante. Desde o seu interior pode verse o Cañón do Sil a través dunha ventá, o teito está recuberto con material aillante para que se manteña fresco no verán e para a iluminación utilízase enerxía solar. O Concello de Sober e Antonio Taboada esperan que o municipio reciba un novo obradoiro de emprego para continuar rehabilitando os muíños do Xabrega e outras zonas de interese.