Crónica | Colectas e subscricións populares no municipio sarriao Os veciños achegaron cartos para obras tan importantes na vila como a Residencia de Anciáns, a praia fluvial do Chanto, un dos institutos ou a igrexa do Rosario
04 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A participación dos cidadáns en iniciativas de interese social por medio de achegas de diñeiro, terreos ou dotación de institucións especializadas foi sempre un medio socorrido para suplir a ineficiencia ou a carencia de medios públicos. Tradicional foi sempre que as festas da localidade (San Xoán, o San Antón dos Asentos, o San Lázaro, a Santa Lucía, a da Virxe dos Desamparados ou as de Santa Mariña) se fixesen grazas ás achegas voluntarias dos veciños e devotos. Nas décadas dos anos 1920 e 1930 foi moi socorrida a organización de obras teatrais, no cine Salón, coa finalidade de recoller fondos para axuda dos acollidos no asilo do barrio do Mazadoiro, servindo ao mesmo obxectivo iniciativas como as de cantar os Reis, as corridas de touros e outros medios. Froito desa tradición foron os festivais de Nadal que nos anos 1950 a 1980 se facían a prol dos necesitados no cine Cissa. En 1920, diante da carencia de fondos municipais, diversos veciños da vila subscribiron participacións que permitiron que o Concello comprase a casa Vaamonde á Orde da Mercede para trasladar a ela a casa consistorial, actuación que foi imitada tamén bastantes anos máis tarde cando, ao estar atrancadas as obras de construción do lar social de Meigas e Trasgos, varios socios fixeron achegas que en anos posteriores lles foron reembolsadas previo sorteo. Na Guerra Civil e na posguerra van ser numerosas as iniciativas, máis obrigadas que voluntarias, que deron lugar a recadacións como a moi sonada do ouro para a adquisición dun avión para o Exército Nacional, o Aguinaldo del Soldado ou o aguinaldo de Nadal para pobres e necesitados que se xestionaba desde o Concello. Outras iniciativas como as do plato únic o, o Día sin Postre , a ficha azul para axudar ao Auxilio Social ou a venda dominical de escudiños de cartón para o Frente de Juventudes, foron outras tantas actuacións propias da posguerra ás que dificilmente se podía un negar, pagando dalgunha maneira a tranquilidade de non se ver perseguido por non aparecer como patrioticamente xeneroso, evitando verse incluídos nas listas negras ou relacións con publicidade para exemplo unha veces e para escarmento outras. Convivían estas iniciativas sociais coas promovidas dende as parroquias da localidade e institucións como as Conferencias de San Vicenzo de Paúl, Santa Infancia ou, andando os anos, Cáritas Interparroquial, amén das numerosas xornadas dominicais dedicadas a variadas fins (Día do Seminario, Vocacións Indíxenas...). Resulta evidente que os petos de cidadáns e fieis viñan obrigados á xenerosidade. Escolas No medio rural, onde fora prática habitual o ter que facer carretos e xornadas para o arranxo de camiños, pontes e fontes (prestación persoal), con achegas de materiais, esas achegas sufriron incremento cando se tratou de facer escolas ou de instalar a luz eléctrica. Nos anos que van desde 1955 a 1965, os labregos do municipio cederon terreos para as escolas, puxeron traballo, madeiras e carros ao servizo das novas escolas ou colocaron postes para o tendido eléctrico. Estando na alcaldía Xabier López Acevedo, promotor da construción da praia fluvial do Chanto, para poder completar os fondos que permitisen comprar os terreos da Ribeira dos Cucos e facer o ambigú e servizos, houbo necesidade de que unha comisión saíse polas casas da vila pedindo achegas. O mesmo sucedeu cando se tratou de comprar terreos para construír os centros de ensino e de arranxar o vello edificio das escolas públicas a fin de transformalo nun instituto de ensino medio e formación profesional. Os veciños, movidos polo labor de activas comisións, desprendéronse xenerosamente de diñeiro para tan boas finalidades, pois o Concello carecía de medios para afrontar esas melloras. Doantes Os xornais publicaban a relación de doantes, sendo frecuentes as segundas achegas cando algunhas persoas comprobaban que outras de medios máis escasos eran moito máis xenerosas. O que dirán sempre axudou a conseguir máis achegas. Do ano 1969 é a máis curiosa das colectas feitas en toda a historia da vila, pois o mal resultado económico da corrida de touros dos guerrilleiros (El Cordobés e Palomo Linares), para que unha manchea de veciños asinara un compromiso de correr co déficit levou á comisión a dirixir un escrito aos veciños e a petar nas portas dos sarriaos. Ao final houbo táboa de salvación, xa que centos deles pagaron por non ir aos touros. Unha nova comisión saíu ás rúas con motivo da construción da nova Residencia de Anciáns, destacando a xenerosidade das irmás García Vázquez. Non menor éxito tivo a petición para a nova igrexa do Rosario, con novas achegas destacadas das ditas irmás.