Cronista oficial

XULIO XIZ

LEMOS

TRIBUNA | O |

30 oct 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

EN MONFORTE van elixir cronista oficial para cubrir a praza que deixou vacante o lembrado Chicho Balado. Ata agora, había unha candidata postulada polo PSOE: Margarita Rodríguez, destacada profesional, que foi concelleira e deputada, e investigadora da historia local. Hai agora outra, aínda que non proposta directamente por ela: Manuela Sáez, doutora en Historia, investigadora e autora de varios libros relacionados con Monforte. Cabe supor que os que propoñen as candidatas contan coa súa opinión, que elas efectivamente aspiran ao cargo, e que o goberno monfortino terá arrestos para decidir á primeira cal vai ser a cronista oficial da cidade. Porque plantear unha seudoelección democrática para que alguén lle solucione o tema a un concello (poñamos que falo de Lugo), manexar nomes de persoas coa lixeireza propia dunha campaña electoral, e agardar logo a que o tema esmoreza porque ao mellor non lles gosta o resultado, é perfecto síntoma de indecisión e inoperancia. Mal político é o que non sabe que gobernar consiste, precisamente, en tomar decisións. En Monforte teñen dúas posibles cronistas. En Lugo, o resultado do penoso proceso proporcionou tamén dous excelentes posibles cronistas (loxicamente, eu -que nunca ousei aspirar a esa praza- estou fóra). Entre Felipe e Adolfo, decidan dunha vez.