TRIBUNAA | O |
10 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.VES conducindo centos de quilómetros dende sabe Deus onde, pola N-120, xusto o último día de vacacións, para aproveitar ata o último segundo esa vida de relaxación e tranquilidade, e non te das conta de que entras en Galicia máis que polo tremor do teu coche. Si, o tremor do coche. Penso que se poden percorrer centos, miles de quilómetros en coche sen encontrar estradas en estados tan lamentables como as nosas. Non debe de haber moitos tramos de estrada nacional en toda a Península que estean en peor estado que o da N-120 na provincia de Lugo. E de toda a provincia, creo que Monforte leva a peor parte. ¿Algún de vostedes pasou recentemente por esa estrada na zona de Piñeira? ¿Alguén o fixo por Soldón en Quiroga? ¿Ou por Ferreira de Pantón? Hai un par de meses, uns rapaces do barrio de Carude que traballan en Ourense estaban parados coa súa furgoneta un pouco máis adiante do cruzamento co polígono industrial, cunha roda desmontada. Un señor que parou a axudarlles non facía máis que dicirlles: «O que tedes que facer é chamar á Garda Civil, que fagan un atestado e con ese atestado denunciades a Fomento ou a quen faga falta». Eles respondían que non merecía a pena: «Imos gastar os cartos ao tonto», «temos a esperanza de que arranxen este tramo pronto, ou de que fagan a autovía»... E quel home, con cara de incredulidade, díxolles: «Neno, se cando Monforte era o dobre do que é, cando funcionaba a Renfe, cando funcionaba o butano ou a cerámica, non lle importábamos a ninguén, ¿por que se ían molestar agora en facer unha autovía?». O rapaz quedou pensativo e, case como quen queda sen fala, púxose de novo a cambiar a roda. Parecía como se aquel home lle contaxiase o seu pesesimismo. Cada vez son máis os que quedan sen esperanzas por este pobo. E precisamente iso é o peor que se pode perder, a esperanza.